O Goberno español saca adiante unha reforma laboral que non derroga as do PP

O texto, que ten que pasar agora polo Congreso, prima o marco negociador estatal sobre o galego
No centro, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, durante a comparecencia ante os medios posterior ao Consello de Ministras (Foto: A. Ortega. Pool / Europa Press).
photo_camera No centro, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, durante a comparecencia ante os medios posterior ao Consello de Ministras (Foto: A. Ortega. Pool / Europa Press).

O Goberno español aprobou esta terza feira en Consello de Ministras o Real Decreto-lei que reforma o mercado laboral após o acordo alcanzado polo Executivo, os sindicatos UXT e CCOO e a patronal na véspera da Noiteboa. Cumpre así co compromiso adquirido con Bruxelas de ter lista a reforma laboral antes de finalizar 2021. Porén, a promesa de derrogar as reformas laborais do PP de 2010 e 2012 queda lonxe de materializarse.

A reforma pactada polo Executivo estatal e os axentes sociais, que entra esta cuarta feira en vigor, agás a nova regulación de contratos, toca varios aspectos do Estatuto dos Traballadores, como a contratación e a negociación colectiva, e ten entre os seus principais obxectivos reducir a precariedade e a temporalidade, segundo resaltou a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, na rolda de prensa posterior ao Consello.

Entre os aspectos máis destacados da norma está que o contrato de traballo ordinario será o indefinido e que só poderán facerse contratos temporais con causas moi taxadas: por circunstancias da produción e por substitución doutro traballador con reserva de posto de traballo.

O decreto modificará a reforma laboral de 2012 para recuperar o equilibrio na negociación colectiva,  reinstaurando a ultraactividade plena, de forma que os convenios colectivos sexan prorrogados até que se substitúan por outros novos, sen un límite de tempo, fronte ao prazo dun ano estabelecido anteriormente.

Centralización das relacións laborais

Precisamente, este é un dos aspectos máis criticados desde a Galiza, non só porque o novo decreto non recupere os dereitos "roubados" polas anteriores reformas laborais, como denuncia a CIG, nin avance na conquista de novos dereitos para a clase traballadora, senón porque centraliza as relacións laborais. 

Como destaca o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, é unha reforma "inxusta" que "afondará no empobrecemento e facilitará a destrución do tecido produtivo", ao tempo que consolida un reforzo "sen precedentes" do marco estatal, que ve como un "ataque frontal" ao marco galego de relacións laborais. "A capacidade de introducir melloras nos convenios verase imposibilitada por esta nova reforma, xa que desde o ámbito estatal poderanse seguir bloqueando as melloras nos ámbitos de negociación máis próximos, onde as traballadoras e os traballadores teñen maior capacidade de incidir", di.

Ademais, desde a CIG ven o decreto como "un ataque á liberdade e pluralidade sindical" xa que, por exemplo, toda a referencia ás xestións das regulacións temporais de emprego queda en mans dos sindicatos estatais, "laminando o dereito de representación de miles de traballadoras e traballadores".

Voto en contra do BNG

Desde as filas do BNG, o seu deputado no Congreso, Néstor Rego, xa avanzou que, ou o Goberno español rectifica, ou non apoiará unha reforma que mantén "os elementos máis lesivos" das reformas de 2010 e 2012, especialmente pola do Partido Popular, "como a facilidade para despedir, o abaratamento dos despedimentos ou a prevalencia dos convenios estatais".

Comentarios