Fronte común de BNG, ERC e Bildu contra a "decepcionante" reforma laboral

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, e o deputado Néstor Rego ofreceron esta segunda feira unha rolda de prensa co secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na que criticaron a reforma de Yolanda Díaz porque "claudica ante a patronal" e "non derroga os aspectos máis lesivos".
De esquerda a dereita, Mireia Vehí (CUP), Néstor Rego (BNG), Laura Borràs (Junts), Gabriel Rufián (ERC) e Oskar Matute (EH Bildu), nunha imaxe de arquivo (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera De esquerda a dereita, Mireia Vehí (CUP), Néstor Rego (BNG), Laura Borràs (Junts), Gabriel Rufián (ERC) e Oskar Matute (EH Bildu), nunha imaxe de arquivo (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, informou esta segunda feira de que o Bloque mantén contactos con formacións como ERC e Bildu para facer unha "fronte común" en contra da "decepcionante" reforma laboral impulsada pola ministra Yolanda Díaz, de forma que reclamará que se derrogue a lexislación aprobada polo PP, tal e como se comprometera o Goberno de coalición.

Nunha rolda de prensa ofrecida en Compostela, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón; o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e Néstor Rego coincidiron en mostrar o seu rexeitamento á modificación realizada da normativa laboral porque continúa cos aspectos "máis lesivos" aprobados no seu día na reforma do PP.

Así, critican que se mantén o abaratamento do despedimento, non se recupera a autorización previa da autoridade laboral para os ERE e hai unha prevalencia dos convenios de ámbito estatal, toda vez que prevalece o convenio de empresa sobre o de sector (agás no caso dos salarios).

A respecto diso, Ana Pontón exixe ao Goberno estatal que cumpra cos seus "compromisos", pois lembra que a derrogación da reforma laboral do PP era un dos seus "puntos centrais". De tal forma, apela a unha fronte común de forzas "nacionalistas, soberanistas e progresistas" para que "non sexa unha nova lexislatura perdida".

Neste senso, critica que o decreto aprobado polo Consello de Ministras, a finais de decembro, "non cumpre coa promesa de derrogación da reforma laboral do PP", o que considera unha "enorme decepción".

Pontón tacha de "moi grave" que o Goberno manteña o "despedimento barato" acordado polo Executivo de Mariano Raxoi e que a líder nacionalista cualificou de "parche", dado que "un lavado de cara non soluciona os problemas estruturais neste ámbito". Por todo iso, pide "elevar o listón" na reforma.

Nesta liña, a portavoz nacional do Bloque lamenta a "oportunidade perdida" que achaca a "unha claudicación ante unha das partes, a patronal", así como a unha "claudicación aos intereses de Bruxelas" para que cheguen os fondos Next Generation, que "van acabar en mans de catro multinacionais".

Proxecto de lei

Aliás, Rego demanda que se tramite como proxecto de lei no canto de como decreto, de modo que haxa posibilidade dunha modificación "en positivo". Neste sentido, márcase o obxectivo de que "a presión social" leve o Goberno do Estado a que "se vexa obrigado a derrogar realmente a reforma laboral".

De feito, apunta que é "paradoxal" que a dereita "fala ben" desta reforma laboral. Cita exemplos como "Aznar e FAES" que din que "non está mal porque preserva a maioría" dos cambios introducidos polo Partido Popular, mentres o vicepresidente da CEOE, Lorenzo Amor, asegurou que se mantén o "95 por cento" da reforma do PP.

Por tal motivo, o nacionalista avisa de que o BNG "non está disposto a asumir sen dar batalla" esta "decepción e nova frustración".

A mocidade, "carne de canón"

Pola súa parte, o líder sindical da CIG, Paulo Carril, advirte de que, "pese ao envoltorio e propaganda", esta reforma laboral pivota sobre aspectos "claramente negativos" e "inxustos", pois non se toca un despedimento "case libre" e un marco de "permanente temporalidade e precariedade".

Pon de exemplo o feito de que prevaleza o convenio de empresa sobre o de sector. Así, en dúas empresas dun mesmo sector de actividade, os empregados deberán ter o mesmo salario, pero non as mesmas condicións, polo que nunha compañía poderase traballar "50 ou 60 horas máis respecto doutra".

Na "gran fraude" da normativa aprobada, Carril pon o foco acerca de que os mozos serán "carne de canón" da explotación laboral, pois tamén se lles suma o "cóctel molotov" da "falsa formación dual" para dar lugar a: precariedade, baixos salarios e peores condicións de traballo.

O PPdeG súmase ás críticas e di que a reforma de Raxoi foi "axeitada"

Tamén se pronunciou a respecto desta cuestión a viceportavoz do PPdeG no Parlamento galego, Paula Prado, quen defendeu que a reforma laboral impulsada polo Executivo de Raxoi foi "axeitada" por mor das circunstancias: "Propiciou a xeración de máis emprego e unha recuperación económica até que chegou a pandemia".

No que atinxe ao proxecto de Díaz, dixo: "Non vai producir mellora ningunha no marco da creación de emprego e a recuperación".

Comentarios