Sánchez promete "impulsar" galego, catalán e euskera na Unión Europea

A iniciativa contrasta co veto do PSOE no Congreso español
Pedro Sánchez e Cristina Narbona, onte en Madrid. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e Cristina Narbona, onte en Madrid. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

Pedro Sánchez comprometeuse nunha rolda de prensa ofrecida esta cuarta feira, 16 de agosto, a impulsar o uso das linguas oficiais nas institucións europeas, un compromiso, dixo, que despregará ao longo da Presidencia española da UE. 

"En España fálase castelán, mais tamén galego, euskera e catalán", asegurou Sánchez. "Polo tanto, o noso deber é consolidar espazos de representación, de uso e de coñecemento das linguas do Estado", engadiu o presidente en funcións.

Veto no Estado

Sánchez fixo este anuncio unhas horas antes de decidirse o reparto da Mesa do Congreso, que aínda non está acordado. A postura de Sánchez respecto das linguas oficiais contrasta coa mantida polo seu partido no relativo ás institucións estatais. Nas diferentes ocasións que partidos nacionalistas propuxeron poder usar as linguas oficias no Congreso e no Senado españois, o PSOE votou en contra

A última vez foi en xuño de 2022. A iniciativa conxunta de BNG, ERC, EH, Bildu, Junts, PdeCat, PNV, CUP e Compromís para poder utilizar as linguas oficiais na Cámara baixa española foi rexeitada pola maioría de PSOE, PP e Vox. No seu debate, foille retirada a palabra ao deputado do BNG Néstor Rego por, precisamente, empregar a lingua galega no Congreso español.  

Ante o debate aberto recentemente por Yolanda Díaz –que propuxo unha reforma no Regulamento do Congreso– sobre a posíbel formalización do uso das linguas oficiais na Cámara baixa, desde o BNG reafírmanse en que "levan moito tempo reclamando que isto sexa posíbel".  

Tamén A Mesa pola Normalización Lingüística lembraba esta cuarta feira o debate, "sen resultado real", dunha iniciativa de todas as entidades das linguas do Estado. "Igualdade na xustiza, administración ou audiovisual. Eis o verdadeiro punto de partida para calquera avance nesta lexislatura", sosteñen desde a Mesa.

Comentarios