Néstor Rego: "Usar o galego no Congreso ten un valor simbólico innegábel"

Ante a posibilidade do uso das linguas oficiais na Cámara baixa, o deputado do BNG enviou un comunicado no cal sinala que a formación nacionalista "leva moito tempo reclamando que isto sexa posíbel".
Néstor Rego, durante un debate no Congreso (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera Néstor Rego, durante un debate no Congreso (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

O deputado electo do Bloque Nacionalista Galego (BNG), no Congreso Néstor Rego, afirmou que "normalizar o uso do galego no Congreso sería un paso cara ao recoñecemento de nacións como a Galiza". Ante a posibilidade do uso das linguas oficiais no Congreso, o deputado do BNG enviou un comunicado no cal sinala que a formación nacionalista "leva moito tempo reclamando que isto sexa posíbel".

Rego lembrou que o BNG presentou, en xuño de 2022, unha iniciativa conxunta con outras forzas políticas (ERC, EH Bildu, Junts, PdeCat, PNV, CUP e Compromís) para poder utilizar as linguas oficiais na Cámara baixa, o que foi rexeitado pola maioría do PSOE, PP e Vox.

Para Rego, aínda que o obxectivo fundamental sexa normalizar o uso do galego na Galiza, poder utilizalo no Congreso "ten un valor simbólico innegábel e sería un paso no recoñecemento do carácter plurinacional do Estado, da existencia de nacións como a Galiza".

O regulamento

O deputado nacionalista destacou que o Regulamento do Congreso non prescribe ningunha lingua de uso e, con todo, a Presidencia "sistematicamente impide o uso das linguas oficiais diferentes ao español", cortando as intervencións cando se realizan en galego, euskera ou catalán.

Segundo Rego, esta foi a razón pola cal diferentes forzas nacionalistas, incluído o BNG, presentaron unha iniciativa lexislativa para recoller expresamente esa posibilidade.

Ademais, o deputado do BNG subliñou que o Estado español asinou a Carta Europea das Linguas, polo que ten un "compromiso legal para avanzar na normalización do galego no ámbito da administración do Estado".

Para Néstor Rego, que se xere novamente o debate sobre o uso das linguas pode "favorecer tamén un impulso á necesaria normalización do galego", empezando pola Administración Xeral do Estado.

"É a oportunidade de avanzar en autogoberno e de blindar a capacidade real do noso país para decidir sobre os seus asuntos. O BNG estará aí para colocar Galiza no debate e para asegurarnos de que non quede nin un milímetro por detrás do que se poida recoñecer a Euskadi ou Catalunya", afirmou o deputado nacionalista.

Comentarios