18-F

Sánchez avisa que con Besteiro na Xunta e el en Moncloa: "Galiza non 'rueda', Galiza voa"

O secretario xeral do PSOE apela aos indecisos e a ese 70% do electorado que quere "cambio".
José Ramón Gómez Besteiro e Pedro Sánchez este 27 de xaneiro en Lugo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro e Pedro Sánchez este 27 de xaneiro en Lugo. (Foto: Nós Diario).

O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, avisou de que "a papeleta para gobernar o cambio" é a que leva como candidato á Presidencia da Xunta a José Ramón Gómez Besteiro e augurou que a coincidencia de dous socialistas á fronte da Administración estatal e autonómica suporía un salto para a Galiza.

"Cun socialista na Moncloa e un socialista como Besteiro á fronte da Xunta, a partir do 18 de febreiro, Galiza non 'rueda', Galiza voa", salientou nun mitin en Lugo, a circunscrición pola que se presenta o candidato socialista á Xunta.

Na súa intervención, Sánchez referiuse ás tendencias das enquisas e a ese 70% que avoga por "un cambio". "Se Galiza vota, Galiza cambia", proclamou Pedro Sánchez nada máis empezar a súa intervención, unha idea similar á que defendeu a semana pasada na convención socialista da Coruña, onde proclamou que "a urnas cheas, cambio seguro".

A papeleta de Besteiro

Pedro Sánchez, que comezou enviando un saúdo ás persoas que quedaron fóra da Facultade de Veterinaria de Lugo polo límite de capacidade, referiuse de forma indirecta ao número de opcións que hai no espectro da esquerda: "Hai moitas papeletas para o cambio na Galiza, pero só unha para gobernar o cambio, esa papeleta é a de Besteiro como presidente da Xunta".

Sánchez sinalou a circunscrición de Lugo como chave para decantar o resultado do hemiciclo galego e as maiorías. Así, dirixiuse aos "indecisos" para advertir de que "a resignación non é unha opción e a abstención é a resignación a que siga gobernando o Partido Popular".

Nesta liña, Pedro Sánchez fiou o cambio ao partido que trae "experiencia, equipo e liderado" e ese, dixo, "é o Partido Socialista de Besteiro", un logro electoral que pasaría por superar nas urnas o BNG, que conseguiu en 2020 ser a segunda forza política na Galiza, a primeira no espazo da esquerda.

Mobilización

Pola súa parte, o candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse  a "superar a Galiza das dúas velocidades" cunha batería de propostas para impulsar a cohesión territorial dende a Xunta.

Besteiro comprometeu investimento, traballo e servizos cun apoio especial ao medio rural e o desenvolvemento da industria transformadora e a posta en marcha dunha verdadeira política forestal logo de 15 anos de abandono polos gobernos do PP. Mais tamén para rescatar a sanidade, nomeadamente a Atención Primaria.

O candidato socialista chamou á mobilización nas próximas eleccións para apoiar a un "cambio con seguridade e na dirección axeitada" mentres "o PP non quere, o Bloque quere e non pode, e nós queremos e podemos porque temos un magnífico equipo de xente preparada, solvente e con experiencia".

Desde Lugo

Ademais reivindicouse como o que será "o primeiro presidente de Lugo que se presenta por Lugo e non escapa a outras provincias". Así, lembrou que na cidade "vivimos a historia da loita contra o imposíbel", gañando o goberno na capital, na Deputación e en moitos concellos onde demostraron que "querer é poder".

Neste sentido referiuse ás "cloacas do PP" que padeceu persoalmente, un recordatorio que puxo en pé a todo o auditorio nunha ovación ao candidato socialista, quen tamén tivo palabras para o ex alcalde José Clemente López Orozco (desimputado de todas as acusacións que tivo).

Comentarios