18-F

Besteiro pon como prioridade do seu programa a atención á dependencia

O candidato do PSdeG reuniuse co Colexio de Traballadoras Sociais.
Besteiro, esta quinta feira, nunha xuntanza con traballadoras sociais. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Besteiro, esta quinta feira, nunha xuntanza con traballadoras sociais. (Foto: Nós Diario)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, desbloqueará o servizo de atención á dependencia que os recortes de Alfonso Rueda "situaron ao borde do colapso".

Segundo o candidato, a Galiza é a comunidade autónoma que menos inviste por dependente declarado e a que ten menor porcentaxe do Estado español de prazas públicas en residencias. 

Besteiro comprometeuse a mudar estas políticas nunha xuntanza con responsábeis do Colexio Oficial de Traballadoras Sociais da Galiza, encabezadas pola súa presidenta, Míriam Rodríguez. Así, o PSdeG "mudará bonos electoralistas e pobres por dereitos".

Ao tempo, Besteiro denunciou a "hipocrisía política" amosada polo PP, que logo de desmantelar o sistema "devólvenos un modelo privatizado e reducido, que é moito peor". O candidato socialista explicou que os bonos prometidos polo presidente galego, de 5.000 euros ao ano, "supoñen apenas 417 euros mensuais, moi por baixo dos 680 euros do Goberno de Touriño hai 14 anos". Uns bonos cuxo anuncio cualificou como "descarado uso electoral".

Besteiro comprometeuse a reforzar o servizo de atención a dependentes, "garantindo e mantendo axudas e servizos", e apoiou a campaña do Colexio para reclamar “máis servizos públicos e menos bonos”. 

Para o candidato do PSdeG, se o Partido Popular continúa no Goberno da Xunta, "seguirá atrasando as valoracións de dependencia, continuaremos sen prazas en residencias públicas e o Servizo de Axuda no Fogar seguirá moi limitado".

Máis en POLÍTICA
Comentarios