San Sadurniño debaterá o sábado sobre as alternativas a Sogama

O concello reunirá na Casa da Cultura diversas alternativas á incineración e avaliará as opcións de xestión de residuos que sexan "máis eficaces, máis sustentables e máis baratas". 

concello-de-san-sadurnino-22-02-2009-f-goiriz-044-16
photo_camera [Concello de San Sadurniño]

A Casa da Cultura de San Sadurniño converterase esta sábado no epicentro do debate arredor dun outro modelo para a xestión de residuos. Desde o Concello promoven unha xornada de reflexión e debate arredor das alternativas ao modelo de incineración promovido por Sogama. Após a aplicación do canon aprobado pola Xunta, que incrementará nun 34% o custe deste servizo ao que se acollen o 90% dos concellos do país, desde San Sadurniño defenden a procura de propostas "máis eficaces, máis sustentables e máis baratas". 

Así, convocan á veciñanza e aos Concellos da contorna a tomaren parte dun debate este sábado (15 de marzo). Unha xornada, din, que a modo de "treboada de ideas" poida achegar alternativas á incineración. Embora estar orientada "principalmente a técnicos e cargos políticos dos concellos", animan a que calquera persoa interesada se achegue para coñecer de primeira man as iniciativas desenvolvidas noutros territorios do Estado español e o mundo. 

Experiencias concretas 

A xornada, que encetará a partir das 10 da mañá, dividirase en dúas partes. Nunha primeira sesión, abordaranse catro experiencias concretas: a do concello madrileño de Rivas Vaciamadrid, baseada na valorización e reciclaxe cunha tecnoloxía que emprega vapor de auga; a da Mancomunidade de concellos Serra do Barbanza, orientada á reciclaxe e á compostaxe do lixo orgánico; o modelo de San Sadurní d"a Noia, que foi pioneiro na recollida selectiva porta a porta e, por último, o sistema empregado nas cidades suecas de Motala e Linköping, que fan un aproveitamento enerxético do biogás proveniente dos residuos. 

Mesa de debate

Após esta primeira exposición dos distintos proxectos terá lugar unha mesa redonda moderada polo profesor da UDC Manuel Soto --membro da Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña. Aliás, están convidad@s representantes de ADEGA da Sociedade Galega de Historia Natural e dos catro grupos políticos con representación no Parlamento galego: PP, PSOE, AGE e BNG. 

A xornada poderase seguir nas redes sociais através do hastag #alternativasogama

Desde o Concello de San Sadurniño avanzan que xa confirmaron a súa asistencia "varios alcaldes da comarca e do resto de Galicia que, igual que San Sadurniño, estudan solucións alternativas a SOGAMA co obxectivo de telas operativas tan pronto como rematen os seus convenios coa empresa pública". 

Para facilitar o seguimento da xornada de traballo desde a alcaldía de San Sadurniño difundirán as palestras através das redes sociais para o que habilitarán o hastag #alternativasogama. 

Comentarios