28-M

Rueda reivindica César Fernández como o "alcalde tranquilo" que Ribadavia necesita

Rueda salientou a experiencia do candidato como deputado no Parlamento da Galiza e a súa "bondade"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: Europa Press)

O líder dos populares galegos, Alfonso Rueda, estivo en Ribadavia acompañando o candidato do PP, César Fernández, nun mitin onde asegurou que “volverá ser o alcalde do próximo mandato porque encarna como poucos a política tranquila, de paso lento e mirada longa que Ribadavia necesita para volver prosperar”.

Rueda salientou a “experiencia política” de Fernández como deputado no Parlamento da Galiza e a súa “bondade”, porque decidiu “que merecía a pena deixalo todo por volver á súa terra para mellorala”.

O presidente da Xunta tamén tivo palabras para o seu homólogo estatal, Pedro Sánchez, de quen dixo que existe un gran contraste entre a “humildade” do candidato popular en Ribadavia e a “prepotencia” do titular de Moncloa.

Despois tomou a palabra o propio Fernández, quen remarcou a súa intención de “renovar as instalacións deportivas municipais, modernizándoas e facéndoas acordes ás necesidades da veciñanza”, ademais da promoción da construción de “vivendas sociais e habilitar novas bolsas de solo para albergar novas vivendas unifamiliares”.

Ademais, o alcaldable incluíu entre as súas promesas electorais a creación dunha nova captación de auga “que garanta o subministro a todo o Concello” e estender “toda a rede municipal ás localidades que o demanden”.

Finalmente, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reivindicou que César Fernández “está a piques de conseguir un resultado histórico”, en referencia a unha posíbel maioría absoluta.

“César Fernández foi un excelente vicepresidente da Deputación, encargado de coordinar os asuntos de cooperación co Ribeiro, e ten a honra de ser o primeiro alcalde que conseguiu a maioría absoluta neste concello ao que volve co seu equipo para conseguila de novo co respaldo da veciñanza”, concluíu Baltar.

Comentarios