Rueda rega a precampaña con 115 millóns en axudas e convenios

O Consello da Xunta aprobou onte varias liñas de axudas e convenios dotados con millóns de euros con destino a familias de escolares, emigrantes retornadas, persoas en desemprego ou inquilinas e propietarias de vivenda. Unhas actuacións anunciadas polo presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e que se producen en época de precampaña para as eleccións municipais do 28 de maio. 
Consello da Xunta desta quinta feira. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Consello da Xunta (Foto: Xunta da Galiza)

abril do decreto de convocatoria de eleccións municipais do 28 de maio implicou que desde ese día e até o próximo 29 de maio estarán prohibidos os actos de inauguración e as campañas institucionais de propagada. Conforme ao estabelecido na Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Loreg), unha vez publicado o decreto de convocatoria comeza oficialmente o período electoral das municipais e autonómicas, que obriga os poderes públicos a seren neutrais. Só se permitirán neste contexto as campañas informativas "que resulten imprescindíbeis para a salvagarda do interese público ou para o correcto desenvolvemento dos servizos públicos".

Porén, o presidente galego, Alfonso Rueda, anunciou onte, na súa comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego, ao redor de 115 millóns de euros en axudas e convenios de diferente tipoloxía.

Así, o titular da Xunta informou de que o Consello de Goberno aprobara 26 millóns de euros para a adquisición de libros e material escolar. "Queremos aumentar os beneficiarios destas axudas dos 95.000 actuais a 130.000", sinalou Rueda, lembrando que  esta achega diríxese a familias de alumnado do ensino público e concertado.

Non foi este o único anuncio realizado por Rueda ligado a un importante desembolso de diñeiro. Así, informou de que o Goberno tamén deu o visto e prace a unha nova liña de axudas por importe de 4,3 millóns de euros para mellorar a accesibilidade a vivendas e a 14,8 millóns —"80% máis que a contía de edicións anteriores"— para convenios con entidades que traballan con persoas discapacitadas. A cantidade máis importante dos anuncios foron os 70 millóns que van para accións formativas en emprego "e das que se beneficiarán 23.000 persoas", asegurou.

Outras axudas das que informou Rueda foron os 250.000 euros para asesoramento e traballo con emigrantes galegas retornadas á Galiza ou os 10 millóns para adquirir material de servizos de asistencia avanzada para dependentes. 

Oposicións

A comparecencia do presidente tamén serviu para realizar outro anuncio agardado por miles de persoas, en concreto, as 70.000 que segundo cálculos da Xunta da Galiza agardan presentarse aos procesos selectivos para acceso á función pública. Rueda sinalou que estes 92 procesos  iniciaranse en xullo e rematarán en febreiro. Trátase dun total de 1.548 prazas, das que 1.474 son de acceso libre. Os exames destes procesos decorrerán no recinto feiral de Silleda —aqueles que teñan maior número de opositoras—, na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e na Facultade de Dereito da USC. 

A preguntas da prensa sobre o artigo na Lei de incendios da Xunta para prohibir "a información falsa" —criticado pola oposición e o Colexio de Xornalistas por poder implicar "censura previa"—, Rueda mostrouse aberto a modificalo.

O goberno pon a lupa en 14.000 desempregados para "seguilos"

O Consello da Xunta aprobou onte o que Alfonso Rueda cualificou como unha "mellora do sistema de emprego" coa finalidade de "adecuar" a demanda de postos vacantes e persoas desempregadas. "Hai 15.000 postos que están esperando a ser cubertos", dixo. Como facelo? Tentou explicalo a conselleira de Emprego, María Jesús Lourenzá. Trataríase, a través de ferramentas de intelixencia artificial e orientadoras laborais, de "casar datos", realizando un especial seguimento a colectivos como "demandantes de emprego que rexeitaran unha oferta ou abandonaran cursos de formación sen xustificación", "persoas con máis de cinco anos inscritas no paro e sen aceptar ofertas" ou persoas que "non confirmaran a súa dispoñibilidade a tres ofertas de emprego". A estas persoas faríaselles unha "revisión" e "seguimento" personalizado, afirmou a conselleira. Lourenzá explicou que este proceso tamén contempla a "apertura de expedientes" a esas persoas en caso de non cumprir cos requisitos que se fixen. Isto pode implicar, por exemplo, a retirada da prestación por desemprego ou demais prestacións vinculadas á busca de emprego (subsidio a maiores de 53 anos). En principio, indicou Lourenzá, hai 14.000 persoas albo deste "seguimento", nunha iniciativa que afirmou, conta co apoio de CCOO, UXT e a patronal galega. 

Comentarios