A Xunta cifra en 128 millóns o que deixará de recadar en 2023 por baixar impostos

O Consello da Xunta aprobou esta terza feira o orzamento para 2023, "o máis elevado da historia" da Galiza, en palabras do presidente galego, Alfonso Rueda: 12.620 millóns de euros. Unha cantidade, porén, que fica por baixo doutras contas aprobadas nestes anos por outros Gobernos galegos de actualizalas coa evolución do IPC.
rueda corgos
photo_camera Alfonso Rueda e Miguel Corgos (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta terza feira que o Consello deu o visto e prace nunha reunión extraordinaria ao proxecto de Lei de orzamentos para 2023, "os orzamentos máis altos da historia da Galiza", que ascenden a 12.620 millóns de euros, superando mesmo en 21 millóns de euros o teito de gasto (12.599 millóns).

Esa cifra de 12.620 millóns de euros para as contas de 2023 é a máis alta en números absolutos rexistrada para uns orzamentos. Mais ese dato non fai destes presupostos "os máis elevados da historia da Galiza", como os cualificaron nestas semanas en reiteradas ocasións desde o propio Executivo. 

A cifra, por exemplo, fica por baixo das contas de 2009 aprobadas polo Goberno galego de PSdeG e BNG, que contemplaba 11.426 millóns de euros de orzamento para ese ano (e, ao igual que os números de Rueda, sen contemplar os gastos financeiros). Esta cifra, atendendo a suba do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) desde entón á actualidade —incremento de 28% na Galiza segundo o Instituto Nacional de Estatística, INE—, equivalería hoxe a 14.600 millóns de euros. 2.000 millóns de euros máis que as presentadas esta terza feira polo presidente. 

Impostos

Os orzamentos da Xunta para 2023 supoñen incrementar en case 1.000 millóns a contía dos vixentes (+8,5%). Rueda resaltou que o gasto social sitúase en 9.368 millóns de euros, 709 máis que en 2022, e cifrou en 2.772 os millóns previstos para investimento, 217 máis. Ademais, recoñeceu que a Xunta deixará de recadar 128 millóns de euros polas rebaixas de impostos mais tanto o presidente como o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, que compareceu canda o presidente, evitaron en todo momento citar a rebaixa ás fortunas derivada da bonificación do Imposto de Patrimonio. Se ben ambos os dous defenderon o "carácter social" destes presupostos, o conselleiro rexeitou recuperar a Tarxeta Básica, que beneficiaba 75.000 persoas vulnerábeis. "Non é o momento de replicar esa medida", indicou Corgos a respecto de recuperar esa tarxeta.

Gasto social

O conselleiro de Facenda salientou que son os orzamentos de “máis gasto social da historia da Galiza”, capítulo que ascende a 9.368 millóns de euros (709 millóns máis que no vixente exercicio) para sanidade, ensino, políticas sociais e emprego. 

En concreto, explicou que se reforzan un ano máis tanto o gasto social tradicional ("sanidade, educación e políticas sociais") como o gasto para o fomento do emprego.

Así, anunciou, en 2023 destinaranse 4.967 millóns á sanidade pública, 2.795 millóns ao ensino público, 1.164 a políticas sociais e 443 millóns para o emprego. Desta forma, tres de cada catro euros do orzamento para 2023 irán destinados á sanidade, á educación, ás políticas sociais e ao emprego, concluíu

 Na súa intervención, Corgos anunciou que a Xunta prevé que a Galiza recupere a “principios do vindeiro ano” a riqueza prepandémica e avanzou que o desemprego caerá en 2023 até 10% e mesmo por baixo desa cifra no tramo final dese ano.

Os orzamentos de 2023 inclúen cinco liñas "prioritarias" de actuación para o Goberno galego e que tanto Rueda como Corgos explicaron na súa comparecencia. A primeira liña ten como obxectivo o apoio ás familias e persoas máis vulnerábeis. Entre outras medidas, o Executivo sinala a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos ou os 4 millóns de euros para o bono social eléctrico. A segunda liña é a de aforro e eficiencia enerxética con actuacións que contribúan a ter vivendas e empresas máis eficientes e fontes de enerxía diversificadas.

A terceira é a de "dinamización económica", onde sitúan os 30 millóns para apoiar 25.000 autónomas e autónomos con rendas medias e medias/baixas A loita contra o cambio climático é o cuarto obxectivo. Aquí inclúense 11,5 millóns de euros para actuacións contra a seca. Finalmente, a última liña de actuación é o fortalecemento dos servizos públicos. O Goberno contempla partidas ao respecto como os 33 millóns para o reforzamento da Atención Primaria. Os presupostos chegan mañá, día 20, á Cámara galega para iniciar o seu trámite parlamentar. A previsión do Executivo galego é que estean se aproben en decembro. 

Por outra parte, a CIG-Administración convoca unha concentración para mañá, día 20, diante da entrada principal do edificio administrativo da Xunta, contra unha Lei de orzamentos de Galiza para 2023, "que non garante nin suba salarial, nin recuperación de dereitos laborais".

O BNG e o PSdeG ven "sombras" nas contas

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou esta terza feira que o grupo parlamentar presentará dúas emendas á vista dos primeiros números que se coñecen dos orzamentos para 2023, que irán encamiñadas a reverter o "pelotazo fiscal" e a dotar de 200 millóns de euros máis a Atención Primaria. Pontón ironizou con que o PP "presume de orzamentos históricos cando o único que teñen de histórico é o regalo fiscal de 34 millóns de euros a 7.700 millonarios en plena crise de prezos", unha cantidade que é maior, sinalou, que o incremento en Atención Primaria.

Pola súa parte, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, atribúe a suba nas contas galegas "ao esforzo" do Estado mais non ve "melloras" nos servizos públicos. Álvarez considera que os 12.600 millóns de euros  dos presupostos "non se  van a aproveitar para mellorar" a Galiza.

Comentarios