Rueda reclama unidade interna na polbada do PP de Lugo

Alberto Núñez Feixo e Alfonso Rueda coincidiron este sábado en Lugo para participar na tradicional polbada do PP. O encontro, cunha asistencia menor da agardada, evidenciou a conflitividade interna dos populares lugueses e a debilidade da súa presidenta, Elena Candia.

Rueda  Candia
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, Elena Candia, Alfonso Rueda e Paula Prado. (Foto: Nós Diario).

A tradicional polbada dos populares lugueses de outubro vén a ser un dos grandes termómetros da situación do partido no circunscrición. O acto, formulado como unha grande mobilización interna para trasladar unha imaxe de fortaleza cara a sociedade, non cumpriu este ano coas exepectativas. A caída da participación en relación con outras edicións e algunhas ausencias destacadas son resultado da crise que vive neste momento o PP.

A conflitividade interna pálpase nas diversas comarcas. Así, na Mariña, son coñecidas as diverxencias dentro do PP de Viveiro, porén non se limitan as diferenzas na comarca a esta última localidade. Outro tanto, acontece na área de Sarria, onde o candidato do aparato foi apartado da presidencia local do partido polos afiliados. Máis do mesmo, se observa nas terras da Ribeira Sacra, onde o sector de Elena Candia perde forza fronte a outras familias internas.

Os problemas do PP de Lugo

Os problemas son evidentes na cidade de Lugo. O desembarco de Elena Candia como candidata da formación á alcaldía non serviu para unir unha organización tradicionalmente divida senón que aumentou a fenda. Precisamente, as diversas familias internas gardan silencio e moven ficha á espera de que se configure a candidatura, porén o acordo non semella posíbel.

A división interna do partido pairou no discurso dos dirixentes da formación. Así, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, salientou “a importancia de continuar unidos” e presentou a Candia como garantía “ de continuar tendo na provincia un partido forte que fai as cousas ben”.

O presidente dos populares galegos insistiu nos seus chamados á unidade interna, lembrando que Feixoo “na Galiza deixou un partido unido que hoxe segue traballando e está plenamente mobilizado para acadar os mellores resultados”.

Rueda ao rescate de Feixoo

Rueda presentou as eleccións locais como unhas primarias das estatais e das galegas, sinalando que “ocamiño que fixemos xuntos ata o de agora seguirémolo facendo xuntos para que Alberto Núñez Feixoo sexa presidente de España, para que Elena Candia sexa alcaldesa de Lugo e para que o PPdeG acade a quinta maioría absoluta”.

O mandatario galego aproveitou a súa intervención para saír en axuda de Feixoo, cunha posición interna debilitada dentro de partido e obrigado a corrixir a súa posición sobre a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) pola presión da presidenta, madrileña, Isabel Díaz Ayuso, e doutros baróns da formación.

Alberto Núñez Feixoo empregou a súa quenda para reivindicarse dentro da organización e defender a nova orientación da formación. Nesta liña, afirmou que “con este PP e con outro PSOE volveremos aos pactos de Estado que España necesita para saír da crise que temos”, rachando calquera posibilidade de acordo co Goberno socialista.   

Feixoo recuperou o discurso máis radical do PP. Así, indicou que “a orde constitucional non se protexe a prazos ou por partes” e recalcou que esta “non é compatíbel con aprobar unha lei para profundar na independencia do poder xudicial e despois pactar un Código Penal con aqueles que non están dispostos a cumprir a lei”.

Comentarios