O PP de Lugo en guerra

Non todo é calma chicha no PP de Lugo. A medida que o partido entra de xeito definitivo na precampaña das municipais, vólvense abrir as vellas feridas que xa se fixeron visíbeis no pasado congreso provincial, no que acadou a presidencia a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia.

Elena Candia
photo_camera Elena Candia, no momento da súa toma de posesión como presidenta da Deputación

Nun conclave inédito, era a primeira vez que se enfrontaban dúas candidaturas para dirixir os populares lucenses, a alcaldesa de Mondoñedo, apoiada por Xosé Manuel Barreiro e Xosé Manuel Balseiro, derrotou Raquel Arias, na altura delegada da Xunta en Lugo e patrocinada por Alberte Núñez Feixóo. O propio Feixóo, no encerramento do conclave, non dubidou en censurar a falta de vontade de integradora por parte de Candia, procedendo posteriormente a incluír na dirección do PP galego os críticos coa alcaldesa de Mondoñedo nun claro aviso sobre quen eran os seus. Aínda así, semellaba que a nova equipa de dirección, tutelada por Xosé Manuel Barreiro e Xosé Manuel Balseiro, conseguira neste período normalizar a situación interna, aspecto que comezou a saltar polos aires nos últimos tempos.

A Mariña foi a comarca onde menos apoios acadou Elena Candia de cara ao congreso provincial, polo que non debe estrañar que nesta zona a contestación sexa moi forte. Aquí a fronte opositora encabézana alcaldes como os de Cervo, Riotorto ou Foz, algúns deles moi vinculados persoalmente a Arias, xunto a veteranos dirixentes como o ex deputado Vidal Martínez Sierra ou o antigo alcalde de Mondoñedo, Luís Rego. En todo caso, os resultados das pasadas eleccións municipais que reduciron aos seus mínimos históricos a presenza do PP nos Concellos, obrigará sen ningún xénero de dúbidas a acometer unha profunda renovación nas listas, cuestión que aproveitará Candia para colocar xente da súa confianza nas listas. Así en Ribadeo, o seu portavoz municipal Xesús López Penabad, que no proceso congresual se situou fronte á de Mondoñedo, será substituído polo deputado Daniel Vega, persoa do aparato e poder real das Novas Xeracións en Lugo. Outro tanto acontecerá en Burela con Xosé María González Barcia, antigo alcalde e persoa próxima a Barreiro e Balseiro, aínda que neste caso a loita entre as dúas familias preséntase máis aberta.

A recente renovación da dirección do PP na cidade fechouse coa integración das dúas familias. O novo presidente do PP Ramón Carballo, subdelegado do Goberno, persoa que vén ocupando de vello diversas responsabilidades na administración e número dous de Candia no comité provincial, incorporou a súa candidatura a persoas de Candia como o incombustíbel concelleiro Quique Rozas, pero tamén de Arias como Mari Teixeiro, unha das bestas negras da de Mondoñedo. Todo apunta a que Carballo será o próximo candidato á Alcaldía de Lugo, xogando ao seu favor a súa capacidade de relacións sociais, o seu nivel de coñecemento na cidade e a imaxe de xestor eficaz. Está por ver, en todo caso, se iso lle chega para recuperar o goberno, após tantos anos na oposición, e cunha organización local dividida desde a defenestración de Francisco Cacharro. Un aspecto central para acadar a Alcaldía será o papel que xogan os antigos cacharristas, os máis deles cun papel de relevo no movemento veciñal en Lugo, e que nas últimas campañas electorais das municipais apostaron de xeito decidido en López Orozco e Gómez Besteiro.

As augas tamén baixan revoltas nas terras do centro e do sur da provincia. Na comarca de Sarria, barril de pólvora tradicional da dereita desde os tempos de Primo de Rivera, os movementos líbranse en varías frontes. Xosé Antonio García, antigo alcalde, actual portavoz municipal e persoa de confianza de Candia, ten serios problemas para reeditar a súa candidatura, semellando probábel a aparición dunha lista independente desde as filas do PP. Sexa cal sexa o destino de García, nos mentideiros da vila dáselle cada vez máis certeza a esta candidatura independente liderada polo concelleiro popular Manuel López Sangil, cuxo poder no partido segue intacto a pesar das polémicas nas que ultimamente se veu envolvido. Outra das persoas que estaría apoiando esta operación sería Pablo López Pablito de Toleiro, patrocinador de vello de Sangil, e habitual nas ceas que este último organiza tradicionalmente polo Nadal. Outra estación é Láncara, onde o actual portavoz do PP será substituído pola súa numero dous, nunha operación dirixida desde a capital da provincia e que conta con Xosé Manuel Balseiro como principal armadanzas.

Elena Candia xoga o seu futuro político nas municipais. No caso de non conseguir o goberno da Deputación após as municipais ela e a súa equipa, entre eles Balseiro, veríanse na obriga de deixar camiño ás xentes de Núñez Feixoo á fronte da dirección do PP. É aquí onde o seu destino se volve a cruzar co de Manuel Martínez, xa que as posibilidades dos populares van depender en boa medida da capacidade que o alcalde de Becerreá teña para conformar candidaturas alternativas ás do PSOE. Porén, a esta altura a correlación de forzas partidos xudiciais que resultan decisivos para decantar finalmente o goberno é claramente favorábel aos socialistas. Así na Fonsagrada non hai ningún dado que apunte a perda da hexemonía por parte dos socialistas que a día de hoxe gobernan a máis da cabeceira do partido en Navia de Suarna, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz. Outro tanto acontece na Terra Cha, onde a marxe de mellora dos populares resulta complicado, mesmo correndo serios riscos de perder a alcaldía de Vilalba, cuestión que xa motivou a principios desta lexislatura o cambio de alcalde e a súa substitución por Agustín Baamonde.

Comentarios