Consello da Xunta

Rueda non ve necesarios máis oncólogos nin otorrinos para a sanidade galega

O presidente defende formar menos médicas do que permite o Estado.
Consello da Xunta
photo_camera Rueda esta quinta feira, após presidir o derradeiro Consello da Xunta deste ano. (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, non considera necesario que se formen máis especialistas en Oncoloxía, Otorrinolaringoloxía, Anatomía Patolóxica, Aparello Dixestivo ou Medicina Nuclear para a sanidade pública galega. O titular do Goberno galego limita as necesidades de formación de profesionais médicos que ten a Galiza á Atención Primaria. Así se desprende da súa resposta á pregunta que lle formulou esta quinta feira Nós Diario na súa comparecencia após o Consello da Xunta. 

Este medio cuestionouno sobre que a Galiza sexa a autonomía do Estado que —na última oferta de prazas, regulada pola Orde SND/990/2023, do 17 de agosto— aplica a chamada "cota autonómica". Concretamente, en especialidades como Oncoloxía, Otorrinolaringoloxía, Anatomía Patolóxica, Aparello Dixestivo ou Medicina Nuclear. 

A cota autonómica fai referencia ao número máximo de prazas que serán adxudicadas de cada especialidade e en cada autonomía. Así, Galiza forma menos médicas das que autoriza o Estado. Rueda, na súa resposta, limitou a necesidade de máis prazas de formación á "Atención Primaria". "Faise unha planificación e Sanidade estima que as prazas que se ofrecen [nas especialidades mencionadas] son as necesarias", afirmou.

Saturación en Urxencias

Tamén a preguntas da prensa sobre a saturación das Urxencias na actual vaga de infeccións respiratorias, o presidente galego quixo xustificar ese risco de colapso indicando que este ano "adiantouse o pico da gripe".

Continuando coas cuestións sanitarias, Alfonso Rueda informou de que a Xunta destinará nos dous vindeiros anos 127 millóns de euros para medicamentos para pacientes con cancros de sangue. O Consello tamén aprobou que a partir de 1 de xaneiro, os 2.300 profesionais das tres fundacións de investigación sanitaria da Galiza se integren como persoal do Sergas.

Vivenda

Rueda anunciou que o Consello da Xunta deu o visto e prace a obras de construción e rehabilitación para 231 vivendas públicas de aluguer social, a maioría delas en Vigo (127) e Ferrol (74). 

O pasado marzo, o presidente do Goberno galego anunciaba a construción de 1.800 vivendas para aluguer social até o ano 2026, mais de 2014 a 2023, construíronse na Galiza un total de 144 vivendas protexidas para aluguer, segundo datos do Ministerio.

Mercado de CO2

Outro dos acordos adoptados na última xuntanza do Goberno galego deste ano foi o de constituír unha plataforma de intercambio para compensar a pegada de CO2. "Un mercado voluntario de créditos de carbono para que empresas e cidadáns compensen as emisións".

Tamén se deu o visto bo nesa reunión en San Caetano á Estratexia de Inclusión Social, que mobilizará 1.000 millóns de euros nos vindeiros oito anos para mellorar políticas e servizos contra a exclusión social.

Por último, Rueda lembrou que na Administración hai en marcha 22 procesos selectivos para 1.147 prazas, anunciando que os primeiros exames serán o vindeiro 29 de xaneiro. 


Rueda mete EH Bildu na precampaña galega

O presidente da Xunta e do PP galego afirmou onte, após a reunión semanal do Goberno galego e a raíz de que EH Bildu recuperase esta quinta feira a Alcaldía de Iruña, que "na Galiza van competir o BNG e PSdeG para ver quen é máis socio de Bildu. O BNG vaino ter difícil con esta vinculación estreita do Partido Socialista". 

Rueda tamén dixo que está "totalmente de acordo" co líder do PP español, Alberto Núñez Feixoo, quen aseverou que nas eleccións galegas de 18 de febreiro a Galiza xógase enviar "unha mensaxe de estabilidade política" ou ser "outra das sucursais radicais" do Goberno de Pedro Sánchez.  O presidente galego asegurou que "todas as candidaturas que se presentan na esquerda" o 18-F teñen "un único candidato", que é Sánchez, porque "se refiren a el en todo momento".

Comentarios