Nafarroa

Joseba Asiron, novo alcalde de Iruña ao triunfar a moción de censura pactada por EH Bildu e PSN

Os socialistas e EH Bildu fixeron público o pasado 13 de decembro un acordo para presentar unha moción de censura.
O novo alcalde de Iruña, Joseba Asiron, hoxe, no pleno. (Foto: Eduardo Sanz / Europa Press)
photo_camera O novo alcalde de Iruña, Joseba Asiron, no pleno. (Foto: Eduardo Sanz / Europa Press)

O concelleiro de EH Bildu no Concello de Iruña Joseba Asiron foi elixido esta quinta feira novo alcalde da cidade cos votos a favor da súa formaci PSN, Geroa Bai e Contigo-Zurekin, materializando a primeira moción de censura no período democrático no consistorio da capital navarra.

Desta maneira, a moción acordada entre EH Bildu e PSN, e á que tamén se sumaron Geroa Bai e Contigo-Zurekin, desbancou da Alcaldía Cristina Ibarrola, de UPN.

A moción de censura sumou 15 votos a favor (oito de Bildu, catro do PSN, dous de Geroa Bai e un de Contigo-Zurekin), fronte aos 11 en contra de UPN (nove) e PP (dous). A maioría absoluta está en catorce concelleiros. Cabe lembrar que na votación faltou un edil do PSN, xa que os socialistas non chegaron a tempo de cubrir a vacante de Elma Saiz, quen deixou o Concello para ser ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Cristina Ibarrola chegou á Alcaldía o pasado mes de xuño facendo valer a condición de lista máis votada de UPN nas eleccións municipais de maio. Na súa sesión de investidura, o PSN abstívose e non houbo unha maioría alternativa a Ibarrola.

Con todo, pasado medio ano, os socialistas e EH Bildu fixeron público o pasado 13 de decembro un acordo para presentar unha moción de censura.

Desta forma, Joseba Asiron volve á Alcaldía de Iruña, cargo que xa ostentou na lexislatura 2015-2019, Naquel momento, o apoio do PSN non era necesario, xa que Asiron sumou maioría co apoio de EH Bildu, Geroa Bai, Aranzadi e Esquerda-Ezkerra.

Cristina Ibarrola afirmou durante a súa quenda de intervención que o debate é o "final desta macabra obra titulada 'Traizón a Pamplona' e sen sorpresa cun final escrito hai seis meses". "Hoxe o PSN entrega a Bildu un gran premio que levaba tempo estrañando e que permite manter na cadeira de brazos a Pedro Sánchez", asegurou.

Ibarrola sinalou que a moción é "un agasallo prometido en xuño e que en pleno Nadal recibe orgulloso o partido herdeiro de quen tanto dano fixeron". "É un fito histórico sen precedentes, un antes e un despois na democracia española. Por primeira vez o Partido Socialista entrega unha institución a cambio duns votos. Votar Partido Socialista en Iruña é o mesmo que votar Bildu", asegurou.

A xa ex rexedora sinalou que deixa a Alcaldía "coa cabeza moi alta" e "orgullosa do conseguido". "Dóeme no corazón o uso do Partido Socialista das institucións e isto estaba escrito, matarnos antes de nacer pero a pesar diso tiveron, tivestes, que atacarme persoalmente con mentiras e falacias", indicou. No debate non interviñeron nin Asiron nin a portavoz de EH Bildu.

A portavoz do PSN, Marina Curiel, afirmou que Ibarrola "estivo levando a cabo unha acción política prepotente, unilateral, opaca e totalmente allea ao diálogo, menosprezando continuamente o resto de forzas políticas, a pesar de estar en minoría". "Nunca quixo chegar a acordos, impedindo o avance da cidade. Foron incapaces de aprobar orzamentos, non presentaron proxecto de orzamentos", censurou.

Ademais, criticou que, por presentar a moción de censura, "UPN está a sinalarnos e estanos insultando". "Fronte aos insultos, no PSN respondemos con traballo, con responsabilidade política, con responsabilidade institucional e con valentía. O PSN está a abrir un novo tempo onde temos un papel protagonista, impulsor deste novo tempo. O noso papel vai estar moi presente nunha oposición responsábel e rigorosa", asegurou.

"Non enfrontemos Iruña con Pamplona"

O concelleiro de Geroa Bai pediu que "evitemos caer en descualificativos para co contrario político". Non enfrontemos a Pamplona con Iruña nin a Iruña con Pamplona, convivamos en paz. É un día importante para a nosa cidade, falemos de cambio, de progreso, dunha Iruña que merece avanzar, prosperar e saír da parálise do últimos catro anos e seis meses", sinalou. Para finalizar a súa intervención, dirixiuse aos concelleiros de UPN e PP e díxolles que "temos a man tendida e as nosas portas están abertas". Ademais, sinalou que "o cambio non será fácil, pero a vontade de Geroa Bai é inquebrantábel e traballaremos con ilusión para facelo posíbel", afirmou.

O portavoz de Contigo-Zurekin, Txema Mauleón, afirmou que "grazas ao acordo de todas as forzas progresistas imos formar un novo goberno, cun novo programa, cun novo proxecto de cidade que vostedes -na dereita- ben coñecen e que, por certo, non criticaron unha soa coma en todos estes días e mira que falaron". "Espero, sinceramente, que en lugar de seguir deslizándose por ese discurso populista ultra, sexan capaces vostedes de volver á tolerancia, ao respecto, porque será garantía de vivir en democracia. A sociedade navarra, non só a de Iruña, sobre todo as xeracións futuras, agradeceranllo", indicou.

Comentarios