Rueda evita valorar a dimisión do xefe de Interna do CHUS e di que respecta calquera "manifestación de descontento"

Na cuarta feira, o presidente do Goberno galego admitiu que o Sergas sufrirá "momentos de tensión" no verán.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: David Cabezón)
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: David Cabezón)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, evitou esta quinta feira valorar a dimisión do xefe de Medicina Interna do complexo hospitalario universitario de Santiago de Compostela (CHUS), Antonio Pose, e afirmou que respecta "calquera manifestación de descontento" que poida haber na sanidade.

"Respecto calquera manifestación de descontento que poida haber e, ao mesmo tempo, agradezo tamén que cando as cousas se fan ben se recoñezan, como se fixo onte co acordo coas forzas sindicais", manifestou, en relación ás medidas acordadas cos sindicatos na Mesa Sectorial.

Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta e preguntado pola dimisión do xefe de servizo de Medicina Interna do CHUS e os problemas na sanidade, Rueda non quixo pronunciarse sobre o ocorrido, e insistiu en que a Xunta "está a facer todo o que está na súa man" para pór solucións.

Segundo deu a coñecer onte o PSdeG no Parlamento galego, e confirmou despois Europa Press, Antonio Pose presentou a súa dimisión "por coherencia" ante a xerente da área sanitaria de Santiago, Eloísa Núñez, após manter unha reunión na que leu un documento que denunciaba os problemas de sobrecarga asistencial.

Nun primeiro momento, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmou no pleno que se trataba dunha "xubilación", algo que foi negado a Europa Press por fontes próximas ao xa ex xefe de Medicina Interna do CHUS.

Exixe medidas ao Goberno español

Rueda sinalou o Goberno español e exixiu que as medidas que dependan do Executivo estatal "sexan tomadas canto antes". "É fundamental, mentres non se tomen, será moi difícil solucionar determinados temas", dixo.

Ademais, volveu afirmar que os problemas que se rexistran tanto na sanidade pública galega como no resto do Estado español non son "novos" nin "só ocorren agora". "Son problemas que había antes e que hai agora", apuntou.

Rueda manifestou que o seu Executivo fala "con todos os sectores que queren falar" para buscar solucións, en "diálogo continuo". "Temos claras algunhas das solucións, aquelas que dependen de nós tomámolas e, as que non dependen, demandámolas", apuntou.

Comentarios