Rueda recoñece que a sanidade pública sufrirá "momentos de tensión" no verán

BNG e PSdeG volveron demandar un maior investimento de recursos na sanidade pública para evitar "problemas".
Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez. (Fotos: David Cabezón/Nós Diario)
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez. (Fotos: David Cabezón/Nós Diario)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, admitiu os "problemas" no ámbito da sanidade pública, e en concreto na Atención Primaria, que se producirán no verán, cando se agravarán os "momentos de tensión".

Porén, Rueda afirmou que o Goberno galego si actúa e cada área sanitaria "ten un plan específico fronte a continxencias" para o período estival, ao tempo que culpou destes problemas á inacción do Goberno central.

"Estamos preparados", sentenciou, en resposta ás duras críticas da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e do portavoz parlamentario socialista, Luís Álvarez.

Tanto Pontón como Álvarez insistiron en que a Xunta debe "investir máis" en sanidade e favorecer "mellores condicións" para o persoal. Só así, coincidiron, a Galiza "empezará a ver" que a situación mellora.

A Atención Primaria, ao borde do "colapso"

Ambos representantes da oposición situaron a Atención Primaria ao borde do "colapso", mentres que Rueda insistiu en que o Goberno español debe impulsar medidas para achegar solucións "estruturais", e escusou que xa había "os mesmos problemas" na etapa do bipartito.

O portavoz socialista leu varios recortes de prensa de días pasados, nos que profesionais criticaban o que definiu como "unha xestión nefasta" da sanidade por parte da Xunta

Pola súa parte, Ana Pontón sinalou que "intentar culpar os profesionais sanitarios como o fan vostedes é moi grave", para despois volver a pór enriba da mesa o plan de choque con 200 millóns de euros para Atención Primaria que propón o BNG. "Probe a investir máis en sanidade e verá como os problemas son menores", incidiu.

Rueda cargou contra BNG e PSdeG, aos que acusou de manter unha actitude de "docilidade" co Executivo de Pedro Sánchez. "O seu catastrofismo e o seu exercicio de amnesia e de docilidade non axuda nada. Igual lles vén ben, pero nin cura enfermos, nin axuda á sanidade pública", concluíu.

Comentarios