Rueda endurece o discurso do PP para o final da lexislatura

Alfonso Rueda tomará hoxe posesión no Parlamento da Galiza como o sexto presidente da autonomía tras ser electo esta quinta feira na Cámara e publicar onte o Diario Oficial da Galiza (DOG) e o Boletín Oficial do Estado (BOE) o real decreto co seu nomeamento. Por diante, dous anos de lexislatura que, a teor do discurso do propio Rueda, tamén se presentan como de endurecemento do discurso do Partido Popular.
Alfonso Rueda, esta sexta feira, en Pontevedra. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
photo_camera (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

"O nacionalismo sempre o separa todo", "o único que fai [o nacionalismo] é impedir avanzar", "a maioría dos galegos [non queren] ese nacionalismo que oprime"... As frases non corresponden a un mitin dunha formación política ou a unha palestra de partidarios dunha recentralización absoluta no Estado español. Son afirmacións que o novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, verteu durante a sesión de investidura. 

As afirmacións non deixan de sorprender, pola reiteración das mesmas e o contexto onde se realizaron —un pleno solemne no Parlamento no que presentaba a súa candidatura e proposta de programa de Goberno— e permiten albiscar un endurecemento do discurso do PP con Rueda á fronte, do partido e da Xunta. Rueda, tal e como lle lembraron na propia sesión, estaba "en primeira fila" na manifestación de 2009 contra a "imposición do galego". Unha convocatoria naquela altura minoritaria e sen máis eco na inmensa maioría da sociedade galega que o rexeitamento ou a indiferenza, mais que contou co apoio e presenza de Alfonso Rueda. Unha persoa á que se ten situado en reiteradas ocasións na tendencia do PP máis refractaria a veleidades galeguistas. 

Batalla ideolóxica

O novo presidente da Xunta apela a que "todos somos España" e fala de "irmáns españois" ao tempo que di que como máximo mandatario galego "non vou entregar os intereses da Galiza" ao nacionalismo, "nin deixar que me impoñan ideas nacionalistas". nun ton que, como recoñecían deputados da oposición, era máis propio dun mitin ideolóxico que dunha sesión de investidura.

Oposición da oposición

Este é outro dos apuntes que deixou a sesión de investidura, a dun Alfonso Rueda máis metido no papel de ariete da oposición que de presidente da Galiza. O PSdeG tamén foi albo dos ataques, co novo presidente rexoubando coas leas de liderados no partido e acusándoos reiteradamente de ser meros "seguidistas" do PSOE. Vén logo un PP na Galiza cun discurso máis 'duro' da man de Alfonso Rueda? Iso verase durante este tramo final de lexislatura. Tampouco se debe de perder de vista que Alberto Núñez Feixoo á fronte do Partido Popular español deu entrada nun Goberno autonómico, Castela e León, á ultradereita e ao ultraespañolismo de Vox, partido que sabe que precisa para gobernar o Estado español e que quizás tamén aquí na Galiza vexan como un socio necesario para manter a Xunta.

Alfonso Rueda toma posesión hoxe como presidente da Xunta, o sexto da historia da autonomía e o primeiro que participou nunha manifestación convocada para cargar contra o idioma propio e oficial do país que vai presidir.

Comentarios