As seis delegacións da Xunta da Galiza pasan de depender da Consellaría de Presidencia a estar baixo as ordes directas de Alfonso Rueda, que ademais introduce cambios nas da Coruña e Ourense, que estarán ocupadas por Belén Docampo e Manuel Pardo en substitución de Gonzalo Trenor e Gabriel Alén. Diego Calvo, apenas unha semana despois de ficar sen a Vicepresidencia —o que fontes do PP recoñecen que non lle sentou nada ben—fica sen mando en praza nas delegacións territoriais, un dos baluartes de poder da Administración. A cambio, e como o que parece unha pequena compensación, Calvo pasa a asumir an Dirección Xeral de Mobilidade, que abrangue desde o trasporte escolar, o parque móbil ou o 065, servizo de apoio á mobilidade.
Non foron estes os únicos cambios aprobados esta segunda feira na primeira reunión ordinaria do Goberno galego. Mentres se agarda por coñecer a persoa que ocupará a oficina económica con rango de Secretaría Xeral que anunciou o presidente no seu discurso de investidura; xa se coñece a que vai dirixir a Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais, Isabel Concheiro, letrada da Xunta.
No apartado de cesamentos, abandonará a Secretaría Xeral de Medios, a petición propia, segundo explicou o presidente, Silvia Valdés, e daralle substitución Pedro Rojo, até agora xefe de gabinete do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e secretario de Organización do PP galego. O mandatario galego agradeceu a Valdés "todo o seu traballo e dedicación". Rueda optou por reorganizar outros departamentos e crear algunhas direccións xerais, sendo un dos pasos máis significativos o de transformar a até agora Secretaría Xeral de Igualdade en dúas direccións: unha de promoción da igualdade, e unha segunda centrada especificamente en combater a violencia machista.
Igualmente, no capítulo de nomeamentos, introduciu numerosos cambios na Consellería de Facenda ou en Vivenda, que pasa ter como secretario xeral técnico Yago Borrajo, e Heriberto García como secretario xeral de Vivenda e Urbanismo.
Incendios e ADN
Preguntado pola prensa durante a súa comparecencia após o Consello sobre as declaracións da nova conselleira de Medio Rural, María José Gómez, nas que ligaba incendios intencionados e "ADN da Galiza", o presidente cualificounas como "desafortunadas e así llo dixen a ela" mais centrouse en "non esquecer" que a maioría dos fogos son intencionados. En relación ás queixas por estar a Xunta notificando estas semanas por SMS que non hai fondos para as axudas de aluguer solicitadas en 2022, Rueda achacou a responsabilidade exclusivamente ao Goberno español. A respecto da oferta da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para alcanzar un acordo en sanidade, vivenda ou enerxía; o presidente afirmou que o seu compromiso é "de man tendida" e de "canles abertas", mais sen concretar máis aló.
Educación descoñece o custo da matrícula gratis
O Goberno galego aprobou esta segunda feira iniciar o procedemento para que a partir do curso 2024-2025 se apliquen as primeiras matrículas gratis na Universidade e Ensinanzas Artísticas Superiores. Un compromiso electoral que se cumpre, afirmou o presidente Alfonso Rueda acompañado do conselleiro de Educación, Román Rodríguez. Rodríguez falou de "medida pioneira" no Estado para acabar recoñecendo que non sabían canto ía ser o custo económico desta medida.
"É difícil saber en canto vai saír", dixo o conselleiro a respecto da cantidade de diñeiro que a Xunta da Galiza debe destinar a bonificar a matrícula de estudantes universitarias e de Ensinanzas Artísticas Superiores para que esta saia de balde. O dato coñecerase "a posteriori", unha vez que se vaia implementando este proceso, engadiu Rodríguez. O conselleiro explicou que para o primeiro curso, todos o alumnado que fixesen a ABAU e tamén o que entre a través dun grao superior de Formación Profesional beneficiaranse da medida. A partir de aí, entrarán en xogo os resultados académicos. Deberán ter aprobado entre 65% e 90 0% dependendo da rama académica que cursen. O aforro medio estimado para as familias é, sinalou e isto si que o calculou a Xunta, de entre 700 e 800 euros por ano, uns 3.000 euros durante toda a carreira.