O novo Executivo galego toma posesión

Oito conselleiros e conselleiras do novo Goberno de Alfonso Rueda xuraron e outras catro prometeron o cargo.
Integrantes do novo Goberno galego durante o acto de posesión dos conselleiros e conselleiras (Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Integrantes do novo Goberno galego durante o acto de posesión dos conselleiros e conselleiras (Álvaro Ballesteros / Europa Press).

Oito conselleiros e conselleiras do novo Executivo galego que acompañará ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, xuraron o cargo, mentres que outras catro optaron por prometelo nun acto decorrido esta segunda feira no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela.

O novo Goberno galego estará conformado por sete homes e cinco mulleres, que nesta mesma xornada participarán na súa primeira reunión do Consello da Xunta. A diferenza do anterior Executivo de Rueda, non haberá vicepresidencias.

En concreto, optaron por prometer o cargo o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso; a nova responsábel da Consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o titular da Consellaría do Mar; Alfonso Villares.

Pola súa parte, optaron por xurar a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; o responsábel de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá; o titular de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González.

Tamén optaron por xurar dúas das novas integrantes do Goberno galego, a que ocupará o departamento de Medio Rural, María José Gómez, e o responsábel de Cultura, Lingua e Universidade, José López Campos. Pola súa parte, tamén xurou o cargo a conselleira de Política Social, Fabiola García, quen ademais utilizou a lingua de signos para tomar posesión das súas responsabilidades.

No acto, ademais do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tomou a palabra o ex responsábel de Sanidade, Julio García Comesaña, en representación dos conselleiros e conselleiras saíntes, así como a nova titular de Vivenda e Planificación de Infraestrucutras, María Martínez Allegue, en representación dos novos membros do Executivo.

O que era titular de Sanidade no anterior Goberno da Xunta, Julio García Comesaña, agradeceu en nome dos conselleiros e das conselleiras saíntes a oportunidade dada para "servir á Galiza" nun acto solemne de toma de posesión das integrantes do novo Executivo galego ao que non acudiu a que era responsábel de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo.

"Só podo agradecer a inmensa oportunidade, para un neno de Vigo que escoitaba a radio e oía falar dos conselleiros, a oportunidade de chegar a estar neste lugar e ter a inmensa honra de servir á Galicia", afirmou Comesaña.

Comentarios