Alfonso Rueda busca "marcar o ritmo político": o Consello da Xunta decorrerá nas segundas feiras

A decisión altera un dos costumes máis arraigados no ámbito da Administración da Galiza: a reunión semanal do Goberno galego deixará de ser as quintas feiras.
Reunión do Consello da Xunta (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Reunión do Consello da Xunta (Foto: Xunta da Galiza).

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, tomou nunha nova decisión que altera un dos costumes máis arraigados no ámbito da Administración da Galiza: a reunión semanal do Goberno galego deixará de ser as quintas feiras e adiantarase ás segundas feiras.

Fontes da Presidencia da Xunta confirmaron que esta quinta feira xa non haberá reunión do Consello de Xunta -a primeira do novo Executivo produciuse xa esta segunda feira, tras a toma de posesión dos 12 conselleiros e conselleiras que o integran, xunto co propio Rueda-.

Desta maneira, o seguinte Consello da Xunta reunirase a vindeira segunda feira 22 de abril. E, de aquí en diante será cada semana, un día antes do Consello de Ministros e Ministras do Estado español, dado que este ten lugar nas terzas feiras.

Con este paso, segundo indicaron as mesmas fontes da Presidencia da Xunta da Galiza, o novo Goberno galego busca "dar máis peso" á reunión do Executivo de Rueda e que "marque o ritmo político" cada semana.

Tradición con Feixoo, Pérez Touriño e Fraga

O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, predecesor de Rueda, mantivo este encontro semanal no que se adoptan os principais acordos políticos nas quintas feiras, como antes fixeran os seus antecesores, mesmo de distinta cor política, Emilio Pérez Touriño (PSdeG) e Manuel Fraga (PP)

Comentarios