Rueda pide ao seu novo equipo "responsabilidade, esforzo e compromiso" e agradece o traballo aos conselleiros que saen

"Un equipo co que seguiremos traballando aínda con máis intensidade ao estilo Galiza", proclamou o presidente.
Investidura do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Discurso de toma de posesión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este sábado en Bonaval. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, difundiu este domingo no seu perfil da rede social X a fotografía das persoas que integrarán, desde esta segunda feira, o seu novo Goberno cunha mensaxe: "Responsabilidade, esforzo e compromiso con todos os galegos e galegas".

"Con todos sen excepción. Iso é o que pido ao novo Goberno da Xunta. Un equipo co que seguiremos traballando aínda con máis intensidade ao estilo Galiza", proclamou. A través dun fío, trasladou tamén o seu agradecemento ao conselleiro e conselleiras que saíron do Consello da Xunta tras esta profunda remodelación: Ethel Vázquez, Elena Rivo e Julio García Comesaña.

Aos tres agradécelles a súa "dedicación" coaGaliza nos últimos anos. "Axudar a construír unha mellor Galiza sempre foi a súa prioridade e estou seguro de que así seguirá sendo no futuro", concluíu.

As inmobiliarias dan o seu apoio "sen fisuras" á nova conselleira de Vivenda

Pola súa parte, o presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), Benito Iglesias, mostrou o seu apoio "sen fisuras" e colaboración "total" coa nova conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue.

A través dun comunicado, remarcou o seu "coñecemento da realidade" da "necesidade" da vivenda de protección oficial e da súa capacidade para "abordar o reto" da "problemática" da accesibilidade ás familias máis vulnerábeis e as persoas máis novas.

Entre as liñas para traballar, Iglesias fixo referencia á desburocratización, ao impulso das vivendas públicas e VPA e á defensa das competencias de vivenda transferidas á Xunta. "Planificar e executar a Galiza da próxima década en materia de vivenda debe ser o obxectivo para desenvolver", apuntou.

Comentarios