Rueda avanza un mandato que facilitará que se instalen proxectos empresariais fronte ao que cualifica de veto "sistemático"

O presidente en funcións defende que as empresas son "as que fan que todo funcione" e argumentou que, en consecuencia, o papel das Administracións debe ser "crear condicións" para que todo "sexa favorábel e tentar "ir da man".

Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza, esta quinta feira no Consello da Xunta. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza, nun Consello da Xunta. (Foto: Arxina)

A Xunta da Galiza é unha "Administración amigábel" para a industria e no seu novo mandato, o presidente en funcións, Alfonso Rueda, que volverá ser investido após revalidar a maioría absoluta o 18-F, prometeu que as empresas que queiran investir na Galiza seguirán tendo as portas abertas, aínda que con "estritos controis" ambientais e do cumprimento de "todo tipo de normativa" en vigor.

Non en balde, no medio da polémica polos plans de Altri, Rueda defendeu que a Xunta estará "a favor" de que as empresas que cumpran cos diversos controis se instalen, ao considerar que a postura de oposición "sistemática" xa de forma "inicial e sistemática" por "prexuízos" non conduce "a outra cousa máis que empobrecerse".

Na presentación da cuarta edición do Atlas galego da empresa comprometida, o presidente en funcións reivindicou que a Xunta é unha administración "garantista" e advertiu que apoiará os investidores que impulsen proxectos que superen os seus "estritos controis". "Son oportunidades que hai que aproveitar e se non se aproveitan aquí, farano noutro lugar", manifestou.

A continuación, advertiu que el o que non quere é caer no debate de "buscar culpábeis" a posteriori, polo que se reafirmou: "Seremos estritos nos controis e o que non poida ser non será, pero o que si poida ser, será".

Na súa intervención, Rueda defendeu que as empresas son "as que fan que todo funcione" e argumentou que, en consecuencia, o papel das Administracións debe ser "crear condicións" para que todo "sexa favorábel e tentar "ir da man".

Así, despois de lembrar pasos da Xunta como o impulso dunha sociedade público-privada para explotar os recursos enerxéticos con reinvestimento na contorna, advertiu que hai que ter "unha ideoloxía moi radical" para "non ver" que esta vía de colaboración é "positiva". Deste modo, garantiu que o Executivo autonómico seguirá apostando pola "confianza".

Comentarios