Consello da Xunta

Rueda fecha a porta á petición do CES dunha empresa de enerxía "pública"

O Consello Económico e Social (CES) reclamou á Xunta da Galiza a posta en marcha dunha empresa pública de enerxía e Alfonso Rueda nega esta posibilidade, que si existe noutros países europeos. O presidente galego defendeu o peso da participación privada —case 70%— na xestión e explotación dos recursos naturais a través da sociedade mixta 'Recursos de Galiza'.
Alfonso Rueda esta quinta feira (foto: Arxina).
photo_camera Alfonso Rueda esta quinta feira (foto: Arxina).

A creación dunha sociedade mixta público-privada para a xestión dos recursos naturais da Galiza anunciada en marzo callou en novembro en 'Recursos de Galiza', unha sociedade onde a participación pública é de 3'% e a privada de 70%. Unha descompensación que non pasou desapercibida ao Consello Económico e Social, que no seu ditame desta segunda feira sobre o anteproxecto de lei de recursos naturais pediu unha maior participación pública neste campo.

O CES fala “dunha Empresa Pública Galega de Enerxía” e aposta por garantir a “participación da Administración Xeral da Comunidade Autónoma e das entidades do seu sector público directamente, ou a través de empresas mixtas, con control efectivo, en sociedades que teñan obxectivos compatíbeis cos previstos por esta lei”.

Preguntado esta quinta feira Alfonso Rueda por Nós Diario durante a súa comparecencia após o Consello da Xunta, o presidente defendeu a fórmula vixente, onde a participación pública da Administración galega é minoritaria.

"Demos moitas voltas a cal sería a mellor fórmula para funcionar", indicou, defendendo a actual empresa mixta, pois fai "posíbel" a implicación do sector privado. "Nunha sociedade 100% pública, iso non sería posíbel".

Concertos

Entre os acordos adoptados no Consello, o titular da Xunta da Galiza anunciou a sinatura de novos concertos sociais no marco dm concerto xeral anunciado no seu día para atender persoas con discapacidade. "Van ser por volta de 5.000 prazas en discapacidade intelectual, física transtorno doo espectro autista, parálise cerebral e enfermidade mental", anunciou. Un investimento de 100 millóns de euros anuais.

Nesta liña, Rueda tamén anunciou que nos vindeiros meses nas residencias galegas haberá 1.600 "habitacións intelixentes", dotadas das novas tecnoloxías para favorecer os coidados.

Igualdade

Outro dos temas aprobados na reunión semanal do Goberno galego foi destinar 700.000 euros en 2024 á inserción laboral de vítimas da violencia machista. Desde 2016, indicou, 480 mulleres lograron un emprego a través deste programa.

Rueda tamén anunciou que a Consellaría do Medio Rural ía destinar 38 millóns de euros a seis avións de carga e seis helicópteros para a loita contar os incendios; e que Sanidade asinou un convenio para, ao longo de 20 anos, facer un estudio sobre como evolúe a saúde de 12.000 galegos e galegas durante ese período.

A respecto da sanidade, preguntado sobre as críticas dos Colexios Médicos galegos ao procedemento de valoración das competencias persoais implantado polo Sergas, Rueda dixo que este procedemento chegaba após un "proceso de negociación", recoñecendo que é "difícil ter a aprobación de todos" e indicando que "escoitaremos estes colexios".

Anuncios de vivendas públicas após anos de "seca"

Alfonso Rueda anunciou esta quinta feira que a Xunta da Galiza ía destinar 7 millóns de euros a construír 36 vivendas públicas para aluguer en Compostela, no barrio de Lamas de Abade —na cidade hai ao redor de 500 demandantes—. O titular da Xunta indicou que este é o cuarto anuncio de construción de vivenda pública por parte do Goberno galego no que vai de ano. Esta dinámica bate coa realidade da última década. De 2014 a 2023 construíronse na Galiza 144 vivendas protexidas para aluguer. 

Desas 144 vivendas con cualificación definitiva –rematadas e que xa pasaron os trámites precisos para poder ser habitadas- só unha pequena parte eran de aluguer con opción a compra (12 construídas en case dez anos cando a demanda supera as 2.000 persoas).

Na súa comparecencia, a prensa tamén interpelou o presidente galego sobre os resultados da Galiza no Informe do Programa para a Avaliación Integral de Alumnos (PISA), e que reflicte un descenso nas súas puntuacións das tres disciplinas avaliadas —Matemáticas, Ciencias e Lectura—. Rueda afirmou que "imos tomar nota" desa baixada nas cualificacións, que enmarcou nunha "baixada xeneralizada" en todos os territorios e dda que responsabilizou en boa medida a pandemia pola Covid e os seus efectos no ensino.

Comentarios