Rueda non cre que Baltar deba dimitir... mais ve "diferente" que o PP pida a dimisión de Armengol malia non estar imputada

"Non é o mesmo ser a terceira autoridade do Estado —como presidenta no Congreso— que estar noutras posicións", alega Rueda.
Alfonso Rueda nos corredores de San Caetano (Foto: Arxina).
photo_camera Alfonso Rueda, esta quinta feira, nos corredores de San Caetano. (Foto: Arxina)

A petición da maxistrada do Tribunal Supremo Ana Ferrer de levantar a inmunidade que lle outorga o Senado a Manuel Baltar para abrir unha causa penal contra el por un delito contra a seguridade viaria, logo de ser 'cachado' conducindo a 215 km/h ao volante dun coche oficial, non é, a ollos de Alfonso Rueda, motivo suficiente para que deixe a acta de senador que lle conferiu o propio Partido Popular perante o procedemento de designación autonómica. Mais si xustifica a dimisión, para o presidente da Xunta da Galiza e os seus compañeiros de filas, a presunta implicación da ex presidenta balear e actual dirixente do Congreso, Francina Armengol, malia non estar imputada xudicialmente no marco do 'caso Koldo'.

Rueda apelou esta quinta feira, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, á "presunción de inocencia" de Baltar, se ben matizou que debe "someterse ao procedemento xudicial" e asumir as súas "consecuencias". "E, mentres tanto, presunción de inocencia", reiterou, convencido de que o propio Baltar comparte esta impresión e de que "pouco máis" se pode facer á espera de que a Xustiza se pronuncie.

Ante a insistencia da prensa a respecto de se que el mesmo renunciase á súa inmunidade facilitaría axilizar que fose xulgado, respondeu que a súa condición de aforado só certifica que debe ser "un tribunal concreto" o que se encargue do procedemento —o Supremo—, pero non implica que "non actúe a Xustiza".

O PP, porén, insiste en demandar a dimisión de Francina Armengol, a pesar de que non está a ser investigada pola Xustiza —como si o está Baltar—, pola súa presunta implicación na trama da compra de máscaras durante a pandemia que puxo no albo o ex ministro José Luis Ábalos, agora deputado do Grupo Mixto após expulsalo o PSOE. Para Rueda, o de Baltar e o da ex presidenta de Balears son "situacións diferentes"

"Non é o mesmo ser a terceira autoridade do Estado —como presidenta no Congreso— que estar noutras posicións", defendeu, para logo concluír que "son situacións e circunstancias concretas bastante diferentes".

Comentarios