Rubalcaba di que mentres sexa secretario xeral do PSOE non haberá 'grande coligación'

Nunha entrevista en Onda Cero afirma que esa opción ''non sería boa para España nin para o PSOE''.

Pérez Rubalcaba non quere nin ouvir falar dunha coligación co PP, unha idea que nos últimos días está a se estender por parte de certas elites como vía para facer fronte os 'desafíos' que ten o Estado español. Nunha entrevista en Onda Cero, Rubalcaba afirmou que “mentres eu sexa secretario xeral do PSOE” non haberá 'grande coligación'.

Unha frase coa que se desmarca do manifestado polo ex-presidente socialista Felipe González nunha entrevista en La Sexta e na que non desbotaba a 'Grosse Koalition'' entre socialdemócratas e conservadores, tal e como se fai en Alemaña. Rubalcaba considera que o de Felipe González é “unha reflexión xeral”.

“Non é bo que non haxa alternativa”

É máis, para o secretario xeral do PSOE un goberno da man co PP “non sería bo para España nin para o Partido Socialista”, acrecentando que non ve como unha “boa idea que non haxa alternativa”.

O candidato do PP ás europeas, Arias Cañete, afirmou recentemente que non vería con malos ollos unha coligación con PSOE se así o demandaba “o interese xeral”.

Exemplos

O exemplo a seguir para @s partidari@s desta idea é a Alemaña de Merkel, onde a presidenta conservadora goberna en coalición co SPD, o equivalente alí ao PSOE. E xa existen referencias máis cercanas, como a d@s socialistas gobernando grazas á dereita en Euskal Herria -tanto na comunidade autónoma vasca como en Nafarroa- para frear á esquerda abertzale ou, en Galiza, o acordo que veñen de subscribir no concello de Vigo.

Comentarios