O candidato europeo do PP apoia a idea dunha “grande coligación” co PSOE

Arias Cañete secunda a idea -cada vez máis estendida entre as elites que sosteñen o modelo do 78- de imitar a 'Grosse Koalition' que lidera Merkel en Alemaña e formar un goberno bipartidista para frear os procesos soberanistas e a demanda de cambios sociais.

rajoy_rubalcaba_pacto_bruselas_efe_130613
photo_camera Rajoy e Rubalcaba.

“Se o interese xeral esíxeo nun futuro, non descarto unha coalición de Goberno PP-PSOE”, afirmou nunha entrevista ao Heraldo de Aragón o cabeza de cartel d@s populares ás eleccións europeas, Miguel Ángel Arias Cañete. Apoia así o ex-ministro e posíbel comisario da UE após as eleccións a mesma idea que leva tempo manexándose nos ambientes da elite madrileña -coa monarquía moi presente- segundo o cal a resposta á grave crise que atravesa o modelo constitucional do 78 -alimentado polos problemas económicos e, sobre todo, polos procesos emancipadores das nacións- debería pasar por unha coalición entre os dous partidos que exercen como alicerces do sistema, PP e PSOE. Que o número 1 da lista dun deles defenda en público a posibilidade serve como mostra do avanzada que está esta posibilidade.

 

O exemplo a seguir para @s partidari@s desta idea é a Alemaña de Merkel, onde a presidenta conservadora goberna en coalición co SPD, o equivalente alí ao PSOE. E xa existen referencias máis cercanas, como a d@s socialistas gobernando grazas á dereita en Euskal Herria -tanto na comunidade autónoma vasca como en Nafarroa- para frear á esquerda abertzale ou, en Galiza, o acordo que veñen de subscribir no concello de Vigo.

 

Porén, desde o PSOE tratan de fuxir da constatación pública das súas coincidencias co PP -co que sempre vota o mesmo en Europa en tres de cada catro ocasións- e a súa candidata, Elena Valenciano, nega a disposición do seu partido a un acordo desas características que, porén, si contaría co aval do líder da formación, Alfredo Pérez Rubalcaba.

 

A posibilidade dunha coalición PP-PSOE réstalle aínda máis interese ao debate a dúas bandas que manterán @s candidat@s europeas de ambas formacións o próximo martes.

Comentarios