18-F

A CRTVG propón un 'Rueda contra todos' e convida ao debate a PP, BNG, PSdeG, Sumar e Podemos

O debate será o 5 de febreiro nos estudos de San Marcos e estará moderado polas xornalistas Marta Darriba e Alejandro López.
Candidatos e candidatas ás eleccións galegas en 2020, no debate organizado daquela pola CRTVG. (Foto: Europa Press)
photo_camera Candidatos e candidatas ás eleccións galegas en 2020, no debate organizado daquela pola CRTVG. (Foto: Europa Press)

A CRTVG organizará na segunda feira 5 de febreiro (21.30 horas) un debate electoral nos estudos de San Marcos de cara aos comicios do 18 de febreiro ao que convida, "seguindo os criterios marcados pola Xunta Electoral", cinco formacións políticas que considera as "máis representativas" do país neste momento. A corporación pública propón que á cita acudan os candidatos do PP, Alfonso Rueda; BNG, Ana Pontón; PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; Sumar, Marta Lois, e Podemos, Isabel Faraldo.

O debate será moderado pola redactora xefa da corporación, Marta Darriba, e o subdirector da Área de Información e Documentación, Alejandro López, e non están convidados os cabezas de cartel de Vox, Álvaro Díaz-Mella, e Democracia Ourensá, Armando Ojea, así como outras forzas como a coalición Espazo Común Galeguista que lidera o ex secretario xeral socialista Pachi Vázquez.

A escolla destas cinco formacións arguméntana baseándose en que, por unha parte, PP, BNG e PSdeG son "forzas representativas" da sociedade galega ao seren as únicas con presenza actualmente no Parlamento da Galiza, e por outra, que Sumar e Podemos son "grupos políticos significativos" porque, malia careceren de representación na Cámara, "si obtiveron unha porcentaxe significativa de voto na Galiza en comicios posteriores". Alegan que ambos os partidos concorreron ás estatais do 23 de xullo en coalición e lograron 10,9% dos votos dentro do país.

"Nun escrito do 20 de xaneiro, a Xunta Electoral confirma que ambas coalicións deben ter a consideración de grupo político significativo a efectos de cobertura dos medios públicos no ámbito galego. Ningunha outra formación fóra das citadas logrou máis dun 5% do voto na Galiza en ningún dos comicios posteriores ás últimas eleccións galegas", apunta a CRTVG nun comunicado de prensa para explicar a exclusión do resto de candidaturas.

No debate proposto pola televisión pública, pois, haberá unha única formación representativa do espectro ideolóxico da dereita, o PP de Alfonso Rueda. Non acontecera o mesmo no debate previo aos comicios de 2020, cando a CRTVG convidara sete candidatos e candidatas entre as que se atopaban as de Vox, Ricardo Moradoque posteriormente abandounou o partido de extrema dereita con duras críticas á dirección de Santiago Abascal—, e Ciudadanos, Beatriz Pino. Tamén participaran os aspirantes de Marea Galeguista, Pancho Casal, e a coalición Galicia en Común-Anova-Mareas, Antón Gómez-Reino, alén das representantes do BNG, Ana Pontón; o PSdeG, Gonzalo Caballero, e o PP, Alberto Núñez Feixoo.

No caso de organizarse finalmente o debate cos candidatos e candidatas anunciadas pola corporación pública, o presidente Rueda poderá ver reforzado ante a audiencia o seu principal argumento de campaña: "Ou eu, ou o multipartito". De feito, a secretaria xeral do PP, Paula Prado, xa avanzara a pasada semana a intención do cabeza de cartel popular de participar nun debate contra Pontón, Besteiro e Lois e abrir a porta a un 'cara a cara' fronte ao "candidato que elixan as formacións que aspiran a gobernar Galiza a través dun multipartito".

Tres bloques

O debate estruturase partindo de tres bloques temáticos, un deles destinado a analizar os posíbeis pactos tras as eleccións, reforzando así o argumento de Rueda contrario ao 'multipartito'.

  • Políticas económicas e orzamentarias. Emprego, industria e transición ecolóxica.
  • Políticas sociais e financiamento do benestar. Fiscalidade, educación, sanidade, igualdade e lingua.
  • Modelo institucional, pactos, gobernabilidade e voz da Galiza no Estado.

Comentarios