Análise

Rosón, o Parlamento, a memoria e a polémica

Investigadores vinculárono á represión na comarca dos Áncares.
Antonio Rosón Pérez dará nome á sala de portavoces do Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Antonio Rosón Pérez dará nome á sala de portavoces do Parlamento da Galiza. (Foto; Nós Diario)

A sala do Parlamento da Galiza onde celebra as súas reunións a Xunta de Portavoces pasará a denominarse Antonio Rosón. A decisión foi adoptada pola mesa da Cámara cos votos favorábeis do Partido Popular (PP), a oposición do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e a abstención do Partido de Socialista da Galiza (PSdeG). Os populares defenderon esta proposta atendendo ao papel de Rosón nos primeiros momentos do réxime autonómico, e, particularmente, o seu labor como primeiro presidente do Parlamento da Galiza. 

Rosón atesouraba unha longa traxectoria política con anterioridade ao seu nomeamento como presidente da Cámara galega en decembro de 1981. Nado en Becerreá en 1911 nunha familia cun papel relevante na vida política dos Ancares e do conxunto das comarcas luguesas, pasante no famoso bufete do avogado e cacique lugués, José Benito Pardo, militante da Falanxe Española desde a primavera de 1936, responsábel do sindicato vertical agrario durante décadas en Lugo, presidente da Deputación entre 1949 e 1951 e procurador nas cortes franquistas desde 1967 até a súa disolución, rematou por reconverterse á democracia tras a morte de Franco, xogando un papel de relevo como dirixente da UCD lucense e despois da Alianza Popular (AP).

O secuestro de 'Interviu'

A actuación de Rosón no conglomerado represivo foi sinalada en diversos traballos de investigación xornalística e histórica. Así, por exemplo, en xuño de 1977, a revista Interviu publicaba unha crónica de José Luis Morales que sinalaba os irmáns Antonio e Luís Rosón Pérez e aos seus curmáns Fermín, Manuel e Pascual como actores centrais no aparello represivo na comarca dos Ancares. O traballo de Morales recollía testemuños de números veciños da zona que implicaban os Rosón na persecución aos demócratas após o golpe de Estado de 18 de xullo de 1936, chegando a ordenar a un xulgado de Madrid o secuestro da publicación para protexer a esta poderosa familia con importantes responsabilidades nos aparatos do Estado.

Antonio Rosón botou os últimos anos da súa vida tentando agochar o seu pasado como falanxista comprometido coa represión. Porén, nos primeiros tempos do franquismo deixou testemuño da súa actuación entre 1936 e 1939 “pacificando a comarca, organizando destacamentos na liña fronteiriza con Asturias, sendo o único en todo o partido xudicial que fixo fronte ao marxismo”.

Na mesma liña, na causa militar 339/37 deu conta da súa actuación como “xefe da forza encargada” de proclamar o estado de guerra en Becerreá e do seu labor como “comandante militar” entre xullo e setembro de 1936. Precisamente, ese período coincidiu co máis duro da represión nos Ancares, con ducias de execucións a cargo das milicias fascistas e da Garda Civil.

A decisión da mesa do Parlamento da Galiza de honrar a Antonio Rosón concedéndolle unha sala na cámara ten provocado a indignación na redes sociais e nos colectivos da memoria. Sen ir máis lonxe, o voceiro de Iniciativa Galega pola Memoria, Xoán Carlos Garrido afirmou que “unha persoa como Rosón non pode merecer ningún tipo de honra por estar a súa figura directamente vinculada á represión franquista”.

Da mesma maneira se manifestou o historiador, Luis Lamela quen cuestionou a decisión da Cámara e afirmou non entender o acordo atendendo ao disposto na Lei da memoria.

Comentarios