Verdugos na comarca dos Ancares

1978: secuestran 'Interviú' para agachar a participación da familia Rosón na represión franquista

Hai corenta anos, falamos do 19 de abril de 1978, un xulgado de Madrid ordenaba o secuestro dun número da revista Interviú que recollía unha información sobre a participación de varios membros da familia Rosón na represión franquista na comarca dos Ancares. Eis un avanzo da información que tendes ao voso dispor no  Sermos292.

1 (3)

Impulsada, segundo todas as fontes, desde o aparato do Estado, a decisión dun xulgado de Madrid de secuestrar un número da revista Interviú, tentaba impedir a divulgación dunha reportaxe asinada polo xornalista José Luis Morales en que se sinalaba os irmáns Antonio e Luís Rosón Pérez e os seus curmáns Fermín, Manuel e Pascual Pérez Rosón como actores centrais no aparello represivo na montaña luguesa. O artigo verá finalmente a luz no número da publicación correspondente ao primeiro de xuño de 1978, nunha peza titulada Os Rosón, azoute de Galiza, acadando unha grande difusión no conxunto do país, onde será distribuído tamén a través de fotocopias, e abrindo a porta a un proceso xudicial contra o director da publicación, Antonio Álvarez Solís, o redactor Eliseo Bayo e o propio autor.

4

A investigación de José Luis Morales, cuxa base documental son as testemuñas orais dalgúns veciños da zona e diversos fondos hemerográficos, segue a ser a día de hoxe unha fonte importante para coñecer a represión franquista na comarca dos Ancares. Así, entre as primeiras, destacan as declaracións de Xerónimo Meira Lomba “O Portugués”, un dos máis significados verdugos da zona, cuxa participación en diversos asasinatos está testada e quen, amais de recoñecer a súa grande amizade coa familia, afirma “eu perseguín o meu cuñado Valdavara, pero non cheguei a matar cen, como se di por aí”. Ao tempo, a reportaxe recupera un feixe de novas publicadas no xornal lugués El Progreso nos primeiros momentos do levantamento fascista, claramente apoloxéticas do golpe de estado, sinalándose as referidas ao “labor altamente patriótico” dalgúns membros da familia Rosón, como Antonio e Luís Rosón Pérez e Manuel e Fermín Pérez Rosón.

[Podes ler a información íntegra no número 292 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios