28-M

Resultados en tempo real, pactómetro e buscador por rúas: Así será a cobertura especial de 'Nós Diario' na xornada electoral

'Nós Diario' ten todo preparado para a cobertura das eleccións municipais deste domingo, 28 de maio, uns comicios chave que servirán para medir a fortaleza das distintas alternativas políticas
Unha persoa deposita o seu voto nunha urna electoral. (Foto: Europa Press)
photo_camera Unha persoa deposita o seu voto nunha urna electoral. (Foto: Europa Press)

Nós Diario despregará unha cobertura especial das eleccións este domingo: resultados en tempo real, gráficos e mapa por seccións censuais Nós Diario brindará unha cobertura especial das eleccións municipais do domingo, 28 de maio, a partir das 20 horas, unha vez fechen as mesas e se coñezan os datos das enquisas a pé de urna. A cobertura de Nós Diario incluirá os resultados en tempo real e gráficos por cada municipio, entre outras informacións destacadas.

Nós Diario ten todo preparado para a cobertura das eleccións municipais deste domingo, 28 de maio, uns comicios chave que servirán para medir a fortaleza das distintas alternativas políticas. Ao longo da xornada, ofreceremos os resultados de participación, que se coñecerán ás 14.30 horas (cos datos até as 14 horas) e ás 18.30 horas (cos datos até as 18 horas), así como a actualidade política.

Resultados en tempo real

Será a partir das 20 horas cando Nós Diario realice o despregamento da cobertura especial, coa publicación dos resultados das enquisas a pé de urna e coa activación das ferramentas que permitirán consultar os resultados de todos os concellos en tempo real.

Un equipo de profesionais de Nós Diario traballará para achegar desde as canles dixitais toda a información en tempo real, tanto na web como nas redes sociais. Nestas canles poderanse consultar os datos oficiais minuto a minuto. O escrutinio será accesíbel desde calquera tipo de soporte. Estímase que os primeiros datos sexan difundidos polo Ministerio de Interior a partir das 21 horas, unha vez fechen os colexios electorais das Illas Canarias.

Gráficas e pactómetro

Nós Diario ofrecerá gráficos que se irán actualizando en tempo real por cada concello: gráfico de sectores, lista de votos e incluso o pactómetro, así como a comparación a respecto dos resultados das anteriores eleccións locais, de 2019. Tamén estarán dispoñíbeis, en directo, os datos de todos os concellos do Estado español. Ademais, cubrirá as reaccións dos partidos políticos e publicará análises sobre os resultados, con especial atención nas deputacións provinciais.

Mapa con resultados por seccións censuais e buscador por rúas

Por outra parte, a cobertura especial estenderase á xornada do 29 de maio, día en que contaremos cun mapa con resultados por seccións censuais e cun buscador por rúas.

A ollada da opinión política galega para as votacións do domingo está posta na capacidade dun Partido Popular sen Alberto Núñez Feixoo e no grao de aceptación das propostas políticas de BNG e PSdeG, ademais das candidaturas municipalistas e do espazo nucleado ao redor das mareas e de Podemos e Esquerda Unida.

Os comicios deste domingo son o primeiro capítulo dun longo ciclo electoral cuxo remate está previsto para as eleccións galegas de 2024, que o presidente Alfonso Rueda pretende fixar para 9 de xuño, coincidindo coas eleccións europeas. Neste camiño, unha parada chave vai ser o proceso estatal de finais de ano.

Comentarios