Néstor Rego denuncia no Congreso a Operación Jaro contra 12 independentistas galegos

O deputado do BNG cuestionou a calidade democrática do Estado español ao anunciar o seu rexeitamento ao proxecto de lei sobre o rexistro de datos de pasaxeiros.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, puxo en dúbida a calidade democrática do Estado español desde a súa tribuna da Cámara coa mención a algunhas das vulneracións máis coñecidas, como é o caso da Operación Jaro contra 12 independentistas galegos e que inclúe a pretensión de ilegalizar unha organización política e outra social como son Causa Galiza e Ceivar.

Rego, que tamén fixo referencia ao caso do rapeiro Pablo Hasel, investigado por alusións á corrupción da Casa Real, realizou estas manifestacións ao presentar unha emenda á totalidade de devolución do Proxecto de Lei Orgánica sobre a utilización dos datos do Rexistro de Nomes de Pasaxeiros para a prevención, detección, investigación e axuizamento de delitos de terrorismo e delitos graves.

O nacionalista salientou que "é unha medida desacertada que incide sobre unha serie de decisións, medidas e actuacións que coartan ou vulneran dereitos e liberdades" da cidadanía.

Por este motivo, o BNG rexeita esta lei "que pode dar lugar a unha censura e control de determinadas formas de actuar, de pensar, de circular que se van a considerar sospeitosas e, polo tanto, controlábeis a priori polas autoridades".

A formación defende que deben evitarse "os excesos legais e as presións" que periodicamente se suceden para o acceso aos datos dos cidadáns sen o expreso consentimento destes ou sen control xudicial sobre ese acceso.

Néstor Rego destacou que a vixilancia das comunicacións e os datos persoais debe ser considerada "un acto altamente intrusivo que vulnera os dereitos á privacidade e á liberdade de expresión" e que "ameaza os fundamentos de calquera sociedade democrática".

"Esta lei non é ningunha garantía para a nosa seguridade, todo o contrario, temos claro que é un perigo para a nosa liberdade", aseverou.

Comentarios