Análise

As razóns detrás da designación de Yolanda Díaz

A política ferrolá ascendeu esta semana á vicepresidencia terceira do Goberno do Estado español, cargo que compatibilizará co Ministerio de Traballo, despois da renuncia de Pablo Iglesias. O que fora o seu amigo desde as Xuventudes Comunistas marcha para liderar a candidatura de Unidas Podemos á Comunidade de Madrid.
Yolanda Díaz con Xosé Manuel Beiras e Pablo Iglesias, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Yolanda Díaz con Xosé Manuel Beiras e Pablo Iglesias, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

A traxectoria política de Yolanda Díaz na última década está marcada por Xosé Manuel Beiras e por Pablo Iglesias. O primeiro abriulle a porta do Parlamento da Galiza en 2012, tras chegar a un acordo para os comicios daquel ano con Esquerda Unida, formación que en solitario só logrou representación na Cámara galega en 1981, aínda coas siglas da súa organización matriz, o Partido Comunista da Galiza (PCG). O segundo, amigo de Díaz desde os tempos das Xuventudes Comunistas e asesor nesa campaña electoral, reparou na súa antiga camarada, non dubidou en contar con ela en proxectos futuros e integrouna no seu círculo máis íntimo, provocando, mesmo, a suspicacia da dirección da súa formación.

O salto de Díaz á vicepresidencia do Goberno estatal é resultado da situación de emerxencia política de Unidas Podemos, que obriga Pablo Iglesias a encabezar a súa candidatura á Asemblea de Madrid, unha vez que varias enquisas preelectorais situaron a formación morada sen representación electoral.

Alén de que o relevo de Iglesias estivera desde hai tempo na axenda da organización e a súa presenza no Goberno representara un factor de tensión na coalición, á que Podemos se aferra como trabe central para a continuidade do seu proxecto político, o ascenso de Díaz non se consumaría sen o complicado escenario madrileño. A dirección de Unidas Podemos e o propio Iglesias son conscientes de que ficar sen representación na Asemblea de Madrid significa o final da formación. 

O poder económico, a póla socialista do Goberno do Estado e, particularmente, o propio Pedro Sánchez valoraron positivamente a designación de Díaz. Os primeiros porque teñen testada no seu período como ministra de Traballo a súa capacidade para fechar acordos, os segundos porque entenden que a súa elección vai rebaixar as tensións no Executivo e as exixencias de Unidas Podemos e o xefe do Executivo porque ten a día de hoxe nunha alta consideración a ferrolá. De feito, nos últimos tempos, circulou insistentemente na Galiza o ruxerruxe de que Sánchez apostaba por Díaz como candidata á Xunta nos vindeiros comicios, comentario que unha parte dos dirixentes socialistas galegos deron por certo e outros cualificaron de “ocorrencia do presidente”.

As maiores resistencias á elección de Díaz proceden do seu espazo político nativo. A este respecto é significativo o comentario difundido nas súas redes sociais pola secretaria xeral do PCG e coordinadora de Esquerda Unida na Galiza, Eva Solla, o mesmo día do seu nomeamento, afirmando “outra vez decídese sen ter en conta a militancia das organizacións. Moito ánimo ás compañeiras que van traballar na campaña”, criticando un procedemento de elección que choca co sistema de primarias, un dos piares centrais da chamada nova política. Na mesma liña, destaca o silencio do coordinador xeral de Izquierda Unida, Alberto Garzón, quen non se manifestou sobre o ascenso de Díaz, con que mantén un enfrontamento aberto desde hai anos, que mesmo levou a ministra de Traballo a abandonar a organización en 2019.

Díaz ten por diante un camiño complicado e cheo de incógnitas. Asume unha organización debilitada, cunha presenza territorial moi minguada e desangrada polos conflitos internos e polos últimos resultados electorais. Ao tempo, as exixencias da Comisión Europea chocan de fronte co programa de Goberno asinado polo PSOE e Unidas Podemos, o que obrigará a optar entre a lealdade ao asinado ou unha política de confronto coas demandas europeas, coas conseguintes tensións no Executivo.

Finalmente a ferrolá non é militante de Esquerda Unida nin de Unidas Podemos, senón do PC, o que debilita a súa posición interna e obrigará a un complicado encaixe orgánico, que a medio prazo podería resolverse coa superación de Esquerda Unida e a articulación dunha nova ferramenta política unitaria entre os comunistas e os morados.

Comentarios