venres 07/05/21

Iglesias deixa o Goberno español para ser candidato en Madrid e propón Yolanda Díaz para substituílo na Vicepresicencia

O secretario xeral de Unidas Podemos xa notificou a Pedro Sánchez que a súa opción para substituílo como vicepresidente é a actual ministra de Traballo.
Pablo Iglesias Yolanda Díaz Europa Press
Pablo Iglesias e Yolanda Díaz, no Congreso (Foto: Europa Press)

Pablo Iglesias será o candidato de Unidas Podemos nas eleccións de Madrid previstas para o 4 de maio, segundo anunciou el mesmo nun vídeo publicado nas súas redes sociais. A saída de Iglesias do Executivo é unha aposta de alto risco que modifica, non só o cariz da pugna por Madrid, senón tamén do futuro desta lexislatura e do destino da súa formación.

O propio Iglesias propón a Yolanda Díaz, actualmente ministra de Traballo,  como a persoa que o substitúa no posto de vicepresidente. Unha escolla que xa notificou ao presidente español, Pedro Sánchez. Unha mostra de como a ferrolá logrou ser unha persoa que goza da máis absoluta confianza do secretario xeral de Unidas Podemos. A portavoz do grupo de Unidas Podemos Ione Belarra, á súa vez, será quen tome a carteira como ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

O aínda vicepresidente español (fará efectiva a renuncia ao arranque da campaña electoral, é dicir, o 20 de abril) explica nun vídeo dirixido ás bases de Unidas Podemos que nas eleccións madrileñas xógase  máis que a presidencia desta comunidade.

“En política hai que ter valentía para dar as batallas que hai que dar”, sinala Iglesias, quen asegura que “o bipartidismo non vai volver, pero a democracia está ameazada por unha nova dereita  trumpista, ben situada no Estado profundo e impulsada por enormes poderes económicos e mediáticos”.

O líder de Unidas Podemos pide a Máis Madrid aparcar as leas e presentar unha candidatura única e conxunta para a comunidade "aínda que sigan sendo espazos diferentes".

Candidata Díaz nas vindeiras eleccións estatais?

Con este paso, Iglesias renuncia a ser o candidato de Unidas Podemos nas vindeiras eleccións estatais. Propón na súa mensaxe que lle substitúa nesa posición Yolanda Díaz. "Digo algo que senten millóns de persoas de esquerdas se digo que pode ser a próxima presidenta do Goberno de España", dixo o líder de Podemos, que apelou ao seu propio partido, a EU e a En  Comú Podem a "animar e que apoiar Yolanda para que se o decide e así o quere a militancia, sexa a candidata de Unidas Podemos nas próximas xerais e a primeira muller presidenta".

comentarios