Nadia Calviño ascenderá a vicepresidenta segunda

Díaz manterá Traballo e asumirá a Vicepresidencia terceira

Pedro Sánchez e Pablo Iglesias reuníronse hoxe para fechar os cambios no Executivo após anunciar o líder de Unidas Podemos a súa marcha. Iglesias propuxo que a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asumise tamén a Vicepresidencia segunda, mais o PSOE trata de evitar unir ambos os departamentos 
en Díaz. 
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Foto: Congreso)
photo_camera A ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Foto: Congreso)

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asumirá finalmente a Vicepresidencia terceira do Goberno español dentro da reorganización do Executivo de coalición, resolvendo así o principal escollo que houbo hoxe na reunión entre o presidente Pedro Sánchez e o vicepresidente segundo e ministro de Dereitos Sociais, Pablo Iglesias, á hora de abordar os relevos nos departamentos que deixa o líder de Podemos, que será candidato nas autonómicas de Madrid

Iglesias propuxo antonte que Yolanda Díaz o substitúa na Vicepresidencia segunda, mantendo a carteira de Traballo, e que sexa Ione Belarra quen asuma Dereitos Sociais. Mais o PSOE viu incompatíbel a Vicepresidencia segunda con Traballo con base na actual estrutura do Goberno. Segundo fontes do Executivo, Sánchez deu a escoller que Yolanda Díaz for vicepresidenta segunda e ministra de Dereitos Sociais ou ben seguir en Traballo e asumir a Vicepresidencia terceira (Nadia Calviño, ocuparía entón a segunda, como ministra de Economía). E esta segunda opción foi a que se impuxo.

A portavoz do Goberno, María Jesús Montero, deixou claro en rolda de prensa que non está previsto que Calviño deixe de ser a principal responsábel económica do Goberno -ante a relación que ten Traballo co plano económico- e a ministra Teresa Ribera engadiu que debía preservarse a estrutura actual segundo a cal hai unha Vicepresidencia social, outra económica e outra ambiental. 

Sen unidade na esquerda de Madrid

En canto ás eleccións de Madrid, non haberá unidade no espazo nado do 15-M. Iglesias, comprometérase a participar nunhas primarias en que as e os inscritos de Unidas Podemos e Más Madrid decidisen quen ocuparía o primeiro e segundo posto nunha candidatura conxunta das dúas forzas.

Porén, Mónica García, dirixente de Más Madrid (formación creada polo cofundador de Podemos, Íñigo Errejón) trasladou a negativa a unha coalición con Iglesias e sinalou preferíbel concorrer ás eleccións separados como mellor maneira de mobilizar o voto de esquerdas e reivindicou o liderado das mulleres. 

Sánchez aumenta a vantaxe sobre o PP e sitúase a 13,4 puntos de Casado

Por outra banda, o novo barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) dado a coñecer este 16 de marzo outorga ao PSOE a nivel estatal un aumento da vantaxe sobre o PP, que chega xa aos 13,4 puntos porcentuais en estimación de voto. Os socialistas recollen 31,3% de apoio (seis décimas máis que no barómetro de febreiro). Pola contra, o PP perde nove décimas respecto a febreiro e sitúase en 17,9%.

Tamén baixa Unidas Podemos, que perde case 2 puntos e fica en 9,6%, mentres que Vox medra medio punto e chega a 15%. ERC sería a sexta forza máis votada, aínda que perde tres décimas e fica en 3,2%, e o BNG tería 0,6% de apoio, por riba do 0,5% alcanzado nas urnas.

Ningún líder obtén o aprobado, mais Pedro Sánchez é o mellor valorado, con 4,3 de nota. Este traballo foi elaborado entre o 1 e o 11 de marzo, polo que non influíu nel o terremoto político desatado tras a presentación das mocións de censura en Murcia. 
 

Comentarios