Quen é quen nas primarias do PSOE en Lugo

Villoslada e Caballero.
photo_camera Villoslada e Caballero

Arrancou a  recollida de avais no PSOE en Lugo. Após unha intensa e longa precampaña que deixou as agrupacións socialistas sen vacacións e que levou aos candidatos á secretaría xeral ás diversas localidades da provincia, as súas equipas teñen até o 20 de setembro para sumar os apoios da militancia. Non teñen dúbidas as fontes socialistas consultadas por Sermos Galiza en sinalar a grande mobilización que se está producindo dentro do partido e a importancia que van a ter as variábeis de carácter provincial na posición final de moitos sectores da afiliación. Así entre estas ultimas, destacan o papel a xogar polos responsábeis da deputación e do aparato provincial comprometidos claramente coa alternativa de Villoslada, a posición final que manterán o sector do partido que apoiou nas pasadas primarias a Susana Díaz acadando  o 23, 3% dos votos e o alcance real entre afiliación do que moitos xa dan a coñecer como “efecto Caballero”.

O resultado das primarias sigue aberto. Ningunha das fontes consultadas por Sermos Galiza, sexan veteranos do partido curtidos nas liortas internas, foran persoas vinculadas ás equipas das candidaturas, se atreven a aventurar un resultado definitivo“ dada a igualdade nos apoios entre Díaz Villoslada e Gonzalo Caballero, dada a grande mobilización entre afiliación e tamén a negativa de importantes sectores da organización en manifestar a súa posición”. Aínda así, estas mesmas persoas opinan maioritariamente que será Díaz Villoslada, candidato patrocinado en Lugo por Gómez Besteiro, o que acade máis avais pero seguido de preto por Gonzalo Caballero, con posibilidades claras de superalo nas votacións. As diferenzas entre unha e outra fase do proceso atoparíase en que parte dos apoios do de Vigo prefiren non facer público as súa preferencias para evitar presións desde a deputación, ao que se sumaría outro sector da militancia, aquel cunha vinculación orgánica máis laxa cuxa participación se limitaría a votar nas primarias, e que aposta maioritariamente por Caballero. Os resultados de Xaquín Fernández Leiceaga, cuxas perspectivas se atopan a unha considerábel distancia dos dous anteriores, dependerán en boa medida da capacidade que teña á hora de sumar aos antigos susasistas.

As primarias do PSOE en Lugo redúcense a un xogo entre Villoslada e Caballero

As equipas dos candidatos peitean estes días de xeito intenso as comarcas de Lugo na procura de avais. Á fronte da campaña de Díaz Villoslada atópase Xavier Cerqueiro, portavoz municipal do PSOE no Corgo, liberado do partido na Deputación de Lugo e sobre todo persoa de máxima confianza de Gómez Besteiro, a quen acompañou primeiro no concello e durante oito anos como xefe de gabinete na deputación. Ao seu lado sitúanse deputados provinciais como Pilar Porto na Ulloa ou Eduardo Vidal na Terra Chá e portavoces como Carme Veiga na Mariña, se ben o peso real da campaña lévaa o propio Gómez Besteiro cunha apertada axenda de contactos nas diversas localidades. O deputado do Saviñao Xosé Antonio Quiroga exerce como coordinador da equipa de Gonzalo Caballero en Lugo, apoiado por algúns alcaldes como Alfredo Llano na Mariña, Xosé Luís Raposo nos Áncares, Rexina Polín na Terra Chá  ou militantes significados como o antigo concelleiro lugués Xosé Luís Díaz. Arredor de Fernández Leicega atópanse, entre outros, o deputado lugués Luís Álvarez, noutrora portavoz do goberno de Orozco e actualmente caído en desgraza diante do besteirismo, Iván Castro, dirixente do PSOE en Paradela e destacado representante da candidatura de Patxi López en Galiza, o antigo alcalde de Sarria Claudio López Garrido ou a portavoz municipal de Mondoñedo Esperanza González.

As perspectivas de Leiceaga dependen do peso e do apoio que lle presten os sectores susanistas

Fica unha longa batalla por diante no PSOE de Lugo. Está por ver a posición e o peso que conserva o sector susanista que nun principio decantarase maioritariamente a favor de Leiceaga e que nas pasadas primarias arrancou 23, 3%. Aquí agrúpanse destacados dirixentes do partido, enfrontados a Gómez Besteiro, como o ex alcalde da cidade Xosé López Orozco, o senador Ricardo Varela, o alcalde de Castroverde Xosé María Arias, o vicepresidente da deputación Manuel Martínez ou o noutrora todopoderoso Xosé Blanco. Outras das cuestións a medir é o grao real de apoios de Gómez Besteiro, e se isto será suficiente para garantir unha votación significativo a Díaz Villoslada, cuxo perfil provoca reparos pola falta de carisma. Na mesma liña fica por clarexar se o antigo presidente da institución provincial atopa acomodo para unha volta a primeira liña política unha vez resoltos os seus problemas xudiciais, cuestión na que seguen insistindo el e os seus próximos. Aínda así, semella seguro que a elección do próximo secretario xeral do PSOE dependerá  dos acordos a que cheguen os diversos candidatos após a recollida de avais, presentándose a alianza entre Caballero e Leiceaga como a máis probábel. 

Comentarios