18-F | BARÓMETRO PARA NÓS DIARIO

Quen leva o último e decisivo escano? Consulta aquí a loita en cada circunscrición (11 de febreiro)

Estas son as forzas políticas que defenden o último (e decisivo) escano en cada circunscrición, e a distancia á que está o partido político que podería arrebatarllo, segundo o último barómetro elaborado polo Instituto Demoscópico EM-Analytics para 'Nós Diario', correspondente a este domingo, 11 de febreiro.

Escanos en disputa.
photo_camera Escanos en disputa.

A repartición de escanos por medio da Lei D'Hondt e a elevada barreira electoral que impuxo no país o popular Manuel Fraga (5%) xogarán un papel decisivo na configuración da 'foto final' do vindeiro 18 de febreiro. Na circunscrición da Coruña están en xogo 25 escanos; na de Pontevedra, 22, e nas de Lugo e Ourense, 14 en cada unha delas. A batalla pola última acta para entrar no Parlamento da Galiza será crucial e determinará o resultado das eleccións.

E quen tería nestes momentos ese último escano e quen podería arrebatarllo? Con base no barómetro electoral elaborado polo Instituto Demoscópico EM-Analytics para Nós Diario que se publica íntegro na edición dixital do xornal este domingo, 11 de febreiro, o PP sería a formación política que fecharía a repartición de escanos en dúas das catro circunscricións —A Coruña e Pontevedra— e, por tanto, tamén a que podería perdelos máis facilmente.

Nestas dúas circunscricións, o PP compite con Sumar polo último escano. A formación rosada sitúase a 1,1 puntos e a 1 punto, respectivamente, de conseguir unha acta pola Coruña e outra por Pontevedra. De perder estas dúas actas, o PP ficaría con 36 escanos, a dous da absoluta.

Pola contra, na de Lugo esa última acta sería para o BNG, que mantería unha vantaxe de 4,5 puntos porcentuais sobre o seu inmediato competidor, o PSdeG. No caso de Ourense, o último escano vai para Democracia Ourensá, en disputa co PP, a 2,9 puntos. 

Comentarios