Investidura

As chaves do acordo de PSOE e Sumar: xornada laboral, impostos á banca e outras medidas

A Presidencia de Sánchez, en mans das forzas nacionalistas.
Pedro Sánchez e Yolanda Díaz, esta terza feira, asinando o pacto. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e Yolanda Díaz, esta terza feira, asinando o pacto. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O presidente do Estado español, Pedro Sánchez, e a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, ambos os dous cargos en funcións, asinaron hoxe en representación do PSOE e Sumar respectivamente un acordo para conformar un Goberno de coalición que depende das negociacións coas forzas nacionalistas, imprescindíbeis para que Sánchez logre a maioría dos apoios no Congreso e así manterse na Presidencia.

“Imos estar outros catro anos máis”, proclamou o mandatario, confiado en que obterá os votos necesarios para a investidura, mentres que Díaz destacou que nesta lexislatura o obxectivo é “mellorar a vida da xente”.

O pacto inclúe unha redución da xornada laboral sen rebaixa de salario, primeiro até 38,5 horas semanais en 2024 e un ano despois a 37,5 horas. Apenas un día antes, a vicepresidenta primeira e titular de Economía, Nadia Calviño (PSOE), insistira en que era unha cuestión que debería negociarse coa patronal.

Tamén se inclúe unha nova regulamentación do despedimento tras as mudanzas á reforma laboral do Partido Popular (PP) aprobadas no pasado período lexislativo, ou axustar o salario mínimo interprofesional a 60% do salario medio.

Outro dos aspectos recollidos no acordo é “readaptar e manter” os impostos á banca e ás empresas de enerxía. En paralelo, incluiríase que o imposto de sociedades, de 15%, sexa aplicado nas grandes empresas sobre o resultado contábel e non sobre a base impoñíbel, o que permite que a través da enxeñaría fiscal as grandes empresas acaben pagando de media pouco máis de 5% dos seus beneficios reais, revelan os datos da Axencia Tributaria.

No caso de que o PSOE e Sumar acaben por gobernar, aumentaranse de 16 a 20 semanas os permisos por maternidade e paternidade, e tamén se estenderán a 2024 as bonificacións ao uso do trasporte público.

En relación á loita contra o quecemento global, o entendemento afirma que se reducirán os voos estatais nos traxectos nos que existan alternativas ferroviarias de menos de dúas horas e media de duración.

Após o fracaso da tentativa de investidura de Alberto Núñez Feixoo (PP) como presidente estatal, a formación conservadora demandou hoxe á presidenta da Cámara Baixa, Francina Armengol, que fixe canto antes unha data para a sesión de investidura de Sánchez.

O 27 de novembro é a data límite para a formación de Goberno, en caso contrario ficarán convocados comicios estatais para o 14 de xaneiro de 2024.

Comentarios