Opinión

Impostos extraordinarios ou nacionalización?

O imposto extraordinario e conxuntural que o Governo central quere impoñer ás empresas enerxéticas e máis á banca, por un medre dos beneficios baseados en condicións políticas e económicas excepcionais, máxime cando contrastan coa perda noutros sectores empresariais e nas clases populares en xeral, chocou coa oposición frontal das empresas atinxidas. Argumentan que nos anos anteriores tiveron saldos negativos ou moi baixos e que se trata dun imposto que racha as regras do xogo existentes, ao aplicar criterios segundo a actividade e non xerais. Vale, mais é evidente que os lucros en ambos sectores son esaxerados. Sendo así, non sería máis lóxico que se aumente o imposto de sociedades en todas as empresas que obteñan lucros esaxerados, calquera sexa o sector e o ano en que se produza. Contribuiríase deste xeito aos ingresos fiscais,para reducir o déficit público (no que tanto teima Bruxelas), e ademais permitiría contar cuns mellores servizos públicos, axudas a empresas con atrancos e persoas e familias en situación precaria.

O certo é que en boa medida o medre dos beneficios no sector financeiro debese á eliminación masiva de postos de traballo, polo peche de oficinas, e a adopción-imposición aos/as clientes de métodos telematicos en moitos dos servizos. Tampouco se pode obviar que o aumento dos xuros, terá unha repercusión inmediata nos prestamos, mais tardará en se aplicar aos depósitos dos clientes/as. En todo caso, sendo a enerxía e o sistema bancario servizos esenciais, moi concentrados: non sería lóxico que sexan servizos públicos? Polo tanto: este remendo social liberal do Goveno central non debería ser neste intre este o debate entre partidos políticos e na sociedade?  É verdade que os accionistas destes sectores fanse de ouro este ano pola inflación e os baixos tipos do BCE, ou sexa da perda do poder adquisitivo de salarios, pensións e prestacións, porén a resposta é un parche. Obviase que isto sucede acotío en todos os sectores en determinadas empresas, dependendo da conxuntura. Hai actividades como a enerxía, telecomunicacións, banca, medicamentos, transporte público, que como mínimo deberían ser nacionalizados, que non poden estar ligados á especulación. Que foran propiedade e pública, ademais dunha garantía sería en beneficioso para a clase traballadora, así como para os autónomos/as e pequenos e medianos empresarios. Son propostas que explicadas teñen un gran consenso social.

Por outra banda hai que lembrar que nos últimos anos medraron os ingresos do Estado, pola presión fiscal directa e indirecta (IRPF, IVE, etc.) mentres que a aportación das empresas a través do imposto de sociedades non deixou de baixar, dando folgos ao déficit público. Concretamente pasouse de 44.823 millóns de euros no ano 2007 a 23.733 millóns en 2021, practicamente á metade. Razóns: unha morea de excepcións, artiluxos legais, e a utilización de paraísos fiscais. Daquela que, malia que os/as asalariados representan máis dun 80% da povoación activa, por exemplo na Galiza, a súa parte da torta do PIB non deixa de se reducir. No ano 1995 representaban o 50% da renda, mentres que no ano 2019 era o 45,3%. Ademais, a evolución é regresiva tanto en relación cos ingresos senón tamén respecto da xornada laboral real, que é cada vez máis extensa ou fragmentada.

Ficamos nunha situación dunha alta precariedade, por mor do desemprego ou das malas condicións laborais, que vai a máis e que atinxe con maior forza aos inmigrantes (75%), familias monoparentais (53,3%),... Estes últimos son datos a nivel do Estado, mais repítense na nosa nación, por mor da dependencia. Trátase dunha tendencia que ademais se fortalece coa inflación, xa que nas familias con baixos ingresos existe unha maior incidencia dos gastos en alimentos, enerxía e vivenda, que é onde a inflación ten valores máis negativos.

Todos estes son aspectos que non se poden ignorar ou esquecer cando se fala de impostos e por suposto dun pacto social para, mediante “o sacrificio de todos e todas”, na práctica sempre da clase traballadora en activo ou pensionistas, estes acepten perder unha parte do poder adquisitivo, para recompoñer a torta garantindo os ingresos empresariais, seica para manter a competitividade e o emprego (non se fala da cualificación e calidade, do consumo, etc.). Nas últimas décadas esta caída do salario real compensábase en parte coa sobre-explotación da periferia que garantía produtos importados máis baratos, como a vestimenta, materias primas e enerxía (Sir Ricardo xa falaba disto cando teorizaba sobre os salarios en Inglaterra e no papel das colonias británicas). Agora este traslado de custes semella máis difícil, polo que se intentará envorcar todo o sacrificio na clase traballadora no marco interno para manter os lucros empresariais (aos que cómpre sumar os ingresos a través da especulación financeira, axudas públicas ao empresariado, etc).

Todos os pactos sociais anteriores foron negativos respecto do reparto dos ingresos, mais todo indica que neste contexto aínda o serán máis, de se repetir o guión, e as actitudes sindicais derrotistas e carentes de alternativas económicas e políticas estratéxicas. As características da situación actual, a mudanza da correlación de forzas no mundo, os intereses en xogo, indican que sen grandes mobilizacións será imposíbel neste intre manter a capacidade adquisitiva de salarios, pensións, prestacións públicas... porque as corporacións buscaran no mercado interno obter os lucros que lle son máis difíciles de obter na periferia. Esta non é a crise nen o contexto de 2008. Máxime nunha conxuntura histórica no que a UE carece dun proxecto propio favorábel ás maiorías e que valore obxectivamente a situación. Daquela que siga ignorando a desfeita causada polas intervencións e sancións, e culpando a outras potencias ou nacións que fan valer súa soberanía. Unha actitude que pretende revivir o pasado obviando a necesidade das reformas no sistema económico e social, polo que todo se deixa en mans do avance técnico, do poder militar, e do control dos medios de comunicación e cultura de masas sistémicos (cada vez menos críbeis).