Santiago de Compostela

O PSOE di que a denuncia sobre o 'caso Pichel' era "previsíbel" e que non lle "inquieta"

Tanto o grupo municipal socialista como o propio Valentín González Formoso ven na denuncia "unha estratexia electoral" de Borja Verea de cara ao 28-M, porque desde o PP, aseguran, "non saben facer as cousas doutra forma".
O ex edil José Manuel Pichel, nunha rolda de prensa. (Foto: Concello de Santiago)
photo_camera O ex edil José Manuel Pichel, nunha rolda de prensa. (Foto: Concello de Santiago)

Ao PSOE santiagués non lle "inquieta" a denuncia presentada esta mesma semana polo grupo municipal do PP diante da Fiscalía a respecto do que na capital galega xa se coñece como 'caso Pichel', que provocou a dimisión do edil José Manuel Pichel após transcender que a súa Concellaría, a de Medio Rural, alugara unha nave propiedade dunha empresa, Desproi Promociones S.L., á que estivera previamente vinculado como administrador solidario. "Non me inquieta absolutamente nada", defendeu esta cuarta feira a tenente de alcalde e número dous da lista de Xosé Sánchez Bugallo para as próximas eleccións, Mercedes Rosón, a quen se dirixe directamente a denuncia interposta canda o propio alcalde, outros seis edís e un responsábel de UXT na Galiza.

Este movemento "era previsíbel", dixo, "porque [desde o PP] non saben facer as cousas doutra forma". Rosón indicou, en resposta a preguntas dos medios tras unha rolda de prensa no Pazo de Raxoi, que é "unha actuación miserábel" por parte dos 'populares' en período electoral. "Decidiron seguir a senda de destruír a convivencia da política municipal", sentenciou.

Nesta liña, subliñou que "non todo vale para conseguir os obxectivos políticos" e que os veciños e veciñas de Santiago "deben elixir entre proxectos e ideas, pero Borja Verea [candidato do PP á Alcaldía] non é capaz de entrar neste debate", debido a que "non ten un programa serio e coherente".

Sobre esta cuestión tamén se pronunciou esta cuarta feira o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, que atribuíu a denuncia a "unha estratexia electoral" co obxectivo de "gañar nos tribunais o que non son capaces de gañar na rúa". Cuestionado pola prensa, Formoso asegurou que o PSdeG non se "dedica a enlamar a política xudicialmente" e criticou causas xudiciais como a que afectou no seu momento o agora delegado do Goberno español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, que "mantiveron imputados durante anos persoas que non fixeron máis que representar dignamente os seus veciños".

A respecto do caso de Santiago, o líder socialista acusou o PP de primar os seus intereses electorais, alegando que o feito de que Borja Verea "non teña capacidade e liderado non é culpa da sociedade de Santiago", senón "do PP, que non adoita escoller ben os seus candidatos". "A sociedade galega é unha sociedade madura que é capaz de distinguir quen é un corrupto de quen non o é", engadiu Formoso, "e se alguén é digno de representar os seus cidadáns é Pepe Bugallo, e así o entende a sociedade compostelá, por moitas denuncias que Borja Verea pretenda impulsar", resolveu.

Pola súa parte, a concelleira de Compostela Aberta e candidata á Alcaldía por esta formación, María Rozas, afirmou que o propio Goberno local "debería de tomar a iniciativa" e "ter tolerancia cero ante estes casos de corrupción". Rozas recalcou, nunha rolda de prensa posterior á de Rosón, que os socialistas "non fixeron o que tiñan que facer" e lembrou que foi CA "quen denunciou estes feitos en xaneiro".

Neste senso, subliñou que o PSOE compostelán, "menos transparencia, ten de todo". Se hai delitos penais polo 'caso Pichel', subliñou, "dirase no Xulgado", pero, en todo caso, os socialistas "deberían de asumir máis responsabilidades".

Especialmente crítico foi tamén desde o primeiro intre o grupo municipal do BNG, cuxa portavoz e candidata á Alcaldía, Goretti Sanmartín, xa apuntara reiteradamente ao longo das últimas semanas que debería ser o propio Executivo de Sánchez Bugallo o que remitise toda a documentación pertinente á Fiscalía a fin de esclarecer os feitos e dirimir as posíbeis responsabilidades.

Rueda avala a denuncia

Tamén valorou a interposición desta denuncia o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que celebrou a decisión tomada polo PP santiagués porque "hai cousas que aínda están sen aclarar a día de hoxe". E, se finalmente a Xustiza determina que non se incorreu en delito ningún, "nada pasará".

"É unha decisión que tomou o PP de Santiago. Eu escoitaba reaccións doutros grupos que dicían que todo isto debería terse evitado se se achegase toda a documentación. Por tanto, hai cousas que aclarar", reflexionou, a preguntas dos medios tras o Consello da Xunta. "Canta máis información e máis transparencia, pola tranquilidade de todos, estará moito mellor", aseverou, antes de lembrar que o que se transmitiu desde o Goberno local é "total tranquilidade" porque "non había nada que ocultar".

Comentarios