Santiago de Compostela

O PP leva aos xulgados o 'caso Pichel' cunha denuncia contra Bugallo, seis edís e un responsábel de UXT

Desde o PSdeG deféndense cargando contra os 'populares' por presentar a denuncia, "casualmente", cando comeza a conta atrás para as eleccións municipais: "Teñen por costume levar aos xulgados o que non poden gañar nas urnas".
O agora ex edil compostelán José Manuel Pichel. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex edil compostelán José Manuel Pichel, cando anunciou a súa dimisión. (Foto: Europa Press)

O PP de Santiago vén de presentar ante a Xustiza a denuncia polo aluguer por parte do Concello da capital galega dunha nave da empresa Desproi, situada no polígono Costa Vella e vinculada ao ex concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, para acoller servizos dos departamentos de Parques e Xardíns e de Medio Rural, que eran da súa competencia. En concreto, na denuncia figuran o propio ex edil e os concelleiros e concelleiras da corporación Gonzalo Muíños, Milagros Castro, Mercedes Rosón, Gumersindo Guinarte, Esther Pedrosa e Marta Abal.

No escrito rexistrado polo portavoz do grupo municipal popular, José Antonio Constenla, figura tamén o secretario de Organización de UXT-Galicia, José Luís Fernández Celís, administrador único de Desproi Promocións S.L.. Os 'populares' piden aos tribunais que investiguen se no contrato de alugueiro desta nave houbo delitos de "tráfico de influencias, malversación, fraude na contratación, negociacións prohibidas a funcionario público e prevaricación".

Os feitos que agora o PP local leva aos tribunais transcenderon no mes de xaneiro, cando se coñeceu que o Concello de Santiago alugara unha nave industrial para o departamento de Parques e Xardíns a unha empresa vinculada ao concelleiro de Medio Rural, que presentou a súa dimisión tras recibir fortes críticas desde a oposición.

Coa saída de Pichel, o alcalde daba o caso por fechado, mais a oposición insistiu en exixir "responsabilidades" ao resto do Goberno encabezado por Xosé Sánchez Bugallo. Segundo informou a axencia Europa Press, Desproi S.L., a empresa da nave alugada, é propiedade a 63,69% doutra firma, Ribaterra S.L., que pertence a UXT-Galicia.

Fronte a esta denuncia, o PSOE santiagués ve "estratexia electoral", pois chega "casualmente" o mesmo día no que se convocan as eleccións municipais, polo que consideran que é unha actuación que "só se pode entender denro da estratexia electoral habitual dun partido que ten por costume levar aos xulgados o que non pode gañar nas urnas".

"É evidente que esta denuncia non busca responsabilidades políticas, que xa se asumiron de maneira inmediata, senón que hai unha clara intencionalidade política. É, polo menos, curioso, que tendo coñecemento desta situación desde decembro de 2022, desde o Partido Popular de Santiago esperasen até xaneiro deste ano para facer pública a información e outros tres meses en realizar a denuncia", alega o grupo socialista nun comunicado.

Tamén consideran "casualidade" que se presente coincidindo co día que José Ramón Gómez Besteiro volve á política, "despois dunha actuación xudicial inxusta e inxustificada". "Cada un decide como quere iniciar a súa campaña electoral", proclama o PSOE, antes de engadir que o Goberno local decidiu facelo "traballando polos veciños, impulsando un polideportivo para Santa Marta, contratando rozas no rural ou dándolle un novo impulso á administración electrónica do Concello".

Pola contra, apuntan, Borja Verea —candidato do PP á Alcaldía da capital galega— "preferiu facelo enlamando o xogo político e seguindo a mesma estratexia que os seus predecesores".

Comentarios