Dimite o edil de Medio Rural de Santiago após alugar a súa concellaría unhas oficinas vinculadas a el mesmo

A oposición en bloque pedira a dimisión de José Manuel Pichel após transcender que o seu departamento alugara por 5.000 euros ao mes unha nave propiedade dunha empresa da que até hai pouco foi administrador.
O agora ex edil compostelán José Manuel Pichel. (Foto: Europa Press)
photo_camera O agora ex edil compostelán José Manuel Pichel. (Foto: Europa Press)

O alugueiro dunha nave por parte do Concello de Santiago para acoller as oficinas do departamento de Medio Rural e mais de Parques e Xardíns puxo contra as cordas esta semana ao concelleiro responsábel desta área, José Manuel Pichel, pola súa vinculación coa empresa propietaria, Desproi Promociones S.L., á que estivera previamente vinculado como administrador solidario.

Esta segunda feira Compostela Aberta informou de que o contrato asinado prevía o alugamento provisional do recinto por un período de catro meses, dado que, segundo constatou entón a Intervención Municipal, "non figura ningún informe xurídico que xustifique axeitadamente os motivos que sustentan a adxudicación directa e a ausencia dun procedemento de concorrencia pública que é a norma xeral".

De feito, o custo ascendía a uns 5.000 euros mensuais, polo que neste tempo que se prolongou o contrato a empresa recadou perto de 90.000 euros, segundo a información desvelada pola formación que gobernou a capital galega no anterior mandato.

Alleo ás reiteradas peticións de dimisión tanto desde Compostela Aberta como do BNG e o PP, o alcalde da cidade, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, insistiu na inocencia do seu compañeiro de partido e de goberno, até o punto de cuestionar en rolda de prensa o labor dunha xornalista que preguntaba polo sucedido: "Queres facer o favor de deixar de ler o que di Compostela Aberta?", dixo.

"José Manuel Pichel é unha persoa seria, honesta e responsábel [...] Ninguén está libre de meter a pata, pero me parece impensábel en el que sea de forma deliberada", afirmou esta terza feira en declaracións á Cadena SER.

Desde o PSdeG de Santiago, aliás, afastáronse de toda responsabilidade apuntando que "na declaración de intereses do concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, consta como administrador único de Servicios Técnicos Gaia, mais non consta que el nin a empresa teñan ningunha vinculación nin participación accionarial con Desproi S.L., propietaria da nave na que se sitúan de xeito provisional os servizos municipais".

Porén, finalmente Pichel, acurralado pola polémica arredor do alugueiro deste edificio e a pesar do apoio do rexedor compostelán, vén de anunciar a súa dimisión esta cuarta feira en rolda de prensa. O concelleiro recoñeceu cometer "un erro considerábel", ao "non ter comunicado ao alcalde nin ao resto da Xunta de Goberno" que é accionista desta empresa, aínda que afirmou que o fixo "sen mala fe" e sen "ningunha intención de ocultar" esta situación. En todo caso, e para que non se cuestione "a boa reputación" deste Goberno local, decidiu presentar a súa dimisión.

Comentarios