O PSOE di ter encarreirada a investidura mais ameaza coa repetición electoral se Junts e ERC exixen o referendo

"Non imos pasar por aí", aseguran altos cargos socialistas. Pedro Sánchez, con todo, confía en ser investido de novo e trasladará ao xefe do Estado na reunión desta segunda feira que ten negociacións abertas e a posibilidade de sumar maioría.
O presidente do Goberno español en funcións, Pedro Sánchez, esta sexta feira, na segunda —e errada— votación de investidura de Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno español en funcións, Pedro Sánchez, esta sexta feira, na segunda —e errada— votación de investidura de Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O PSOE non quere permitir a convocatoria dun referendo de autodeterminación en Catalunya e, por tanto mantén a baza dunha posíbel repetición electoral na negociación con Junts e ERC para a investidura de Pedro Sánchez. "Non imos pasar por aí", trasladan fontes do partido —citadas pola axencia Europa Press— para expresar que ese é o "límite" que fixaron ante as peticións das formacións independentistas catalás. Aínda que as fontes consultadas de Ferraz e Moncloa están convencidas de que finalmente haberá un novo Goberno de Sánchez e en consecuencia un acordo previo con estes partidos, explican tamén que a posición defendida polo Partido Socialista nos últimos días trata de deixar claro que non van "ceder" ante todas estas exixencias.

Sinalan ademais que hai tres persoas encargadas de negociar, repartidas con cada partido e que reportan directamente a Sánchez. E malia que eluden dar nomes, as miradas están postas na ministra de Facenda e Función Pública en funcións e vicesecretaria xeral do PSOE, María Jesús Montero; o ministro de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática en funcións, Félix Bolaños, e o secretario de Organización, Santos Cerdán. Neste sentido, confirman que hai negociacións en marcha con partidos que lles poden dar a investidura.

Os dirixentes do partido remítense ao comunicado conxunto do PSOE e do PSC emitido a última hora da tarde da quinta feira, no que advertían a ERC e Junts que "polo camiño da ruptura e a discordia non hai avance posíbel", á vez que insistían en apostar polo "diálogo" como única vía para garantir a convivencia en Catalunya.

O texto non o mencionaba expresamente, pero chegaba pouco despois de que ERC e Junts aprobasen unha resolución no Parlament de Catalunya para condicionar a investidura de Sánchez a que "se comprometa a traballar para facer efectivas as condicións" para convocar un referendo de independencia. Ademais, para despexar posíbeis dúbidas, o líder do PSC, Salvador Illa, rexeitou esta sexta feira un referendo como "prezo" para a investidura de Sánchez e advertiu de que irán de novo a eleccións se é necesario.

Así, as fontes consultadas sinalan que tanto o comunicado conxunto como as palabras de Illa pretendían deixar claro aos independentistas o camiño que non van transitar. "Hai cousas polas que non se pode pasar", afirma un alto dirixente socialista. Outro utiliza unha expresión semellante para trasladar a mesma idea: "Todos temos claro onde está o perímetro". Por tanto, aínda que hai molestia coa resolución de ERC e Junts, que consideran un xesto "fóra de lugar" que non deben realizar neste momento, en plenas negociacións, tratan de restarlle importancia e consideran que non é suficiente para facer desencarrilar as conversacións.

É dicir, seguen convencidos de que as negociacións chegarán a bo porto e haberá un novo Goberno presidido por Sánchez, pero aínda así queren deixar claro que a posibilidade dunha repetición electoral en xaneiro é real. "Teñen que saber que a opción das eleccións segue aberta", apunta unha persoa da contorna de Sánchez. Deste modo, os socialistas pretenden trasladar que non aceptarán todas as exixencias que se poñan sobre a mesa, que pasan fundamentalmente polo citado referendo e pola amnistía aos implicados no procès, tal como trasladou Carles Puigdemont a principios de setembro.

A amnistía, máis factíbel

Con todo, toda a contundencia que se expresa co referendo desaparece ao ser cuestionados pola amnistía, un termo que ningún dirixente socialista pronuncia polo de agora. Ninguén quere falar sobre este asunto e piden esperar a que se produza o encargo do xefe do Estado, Felipe VI, a Sánchez para ir a unha investidura, un trámite que se liquidará, previsibelmente, entre a segunda e a terza feira.

E a respecto da data da investidura, tampouco hai certezas, e as fontes consultadas pensan que a incógnita non se despexará de inmediato.Cren que Sánchez pode saír da rolda de consultas co rei co encargo, pero sen data para a votación no Congreso. Sinalan ademais que a mensaxe que o presidente en funcións e candidato socialista trasladará a Felipe VI é que ten unha negociación aberta e a posibilidade de sumar maioría.

Neste sentido, en Ferraz tratan de sacudirse a presión e afirman que non ten sentido pór "límites" nin "deberes" para os próximos 15 días, tendo en conta que xa hai unha data límite para que haxa novo presidente, o 27 de novembro. En caso contrario disolveríanse as Cortes e convocaríanse novas eleccións.

Comentarios