Catalunya

ERC e Junts piden ao Parlament o aval para solicitar un referendo a Sánchez

As forzas acordan que a votación sexa unha condición para a investidura.
Pedro Sánchez e Pere Aragonès. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e Pere Aragonès. (Foto: Europa Press)

ERC e Junts pactaron unha proposta de resolución para o Debate de Política Xeral que insta o Parlament de Catalunya a dar o seu aval a que as forzas políticas catalás non apoien a investidura do candidato socialista á Presidencia do Estado español, Pedro Sánchez, se "non se compromete a traballar para facer efectivas as condicións" para a convocatoria dun referendo.

Así consta no documento rexistrado por ERC e Junts esta quinta feira pola tarde no Parlament, despois de que os seus grupos solicitasen unha prórroga de media hora para fechar un acordo ante a última sesión do Debate de Política Xeral, que será esta sexta feira.

No discurso inicial do Debate de Política Xeral, o presidente da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès, instou Sánchez a fixar as bases para que teña lugar un referendo durante a próxima lexislatura e defendeu pór sobre a mesa esa condición na negociación de investidura.

A Fiscalía española solicita que se abra xuízo a Ponsatí

A Fiscalía do Estado español pediu á Sala do Penal do Tribunal Supremo que abra xuízo oral contra a ex conseller catalá e actual eurodeputada de Junts, Clara Ponsatí, por un presunto delito de desobediencia polo referendo de autodeterminación catalá do 1 de outubro de 2017.

A Fiscalía presentou o escrito antes de que a maxistratura da sala se pronuncie sobre o horizonte xudicial de Ponsatí.

O pasado xullo, o xuíz Pablo Llarena ditou un auto de conclusión ao considerar que tras tomarlle declaración non era necesaria ningunha indagación adicional, deixando o asunto nas mans da Sala do Penal.

Ponsatí fora detida tras anunciar que se atopaba en Barcelona mentres estaba en orde de busca e captura estatal.

Comentarios