O PSOE de Chantada únese ás voces críticas contra Altri: "Pon en risco a viabilidade dos sectores produtivos do rural"

"A solución para o desemprego e a falta de oportunidades na zona non debe ter como prezo o noso medio natural", censura a formación socialista.
Unha das fincas de Agolada (Deza) afectadas polo proxecto de canalización de auga de Altri. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Unha das fincas de Agolada (Deza) afectadas polo proxecto de canalización de auga de Altri. (Foto: Nós Diario)

A agrupación socialista de Chantada declárase "en contra" de Altri. Segundo apuntan desde a formación, a presenza da compañía portuguesa no interior da Galiza "pon en risco a viabilidade dun sector rural con gran peso das explotacións agrogandeiras e forestais", unha cuestión da que xa informaba este sábado Nós Diario.

Mais non só o agro podería verse potencialmente afectado pola 'macrocelulosa' impulsada pola sociedade Greenfiber —cuxa matriz é Altri—, senón que desde o PSdeG insisten en que tería tamén un importante impacto sobre outro dos motores económicos e patrimonio sociocultural da zona: o Camiño de Santiago.

"Nunha zona rural, un proxecto como o de Altri impide que haxa hectáreas dispoñíbeis para aumentar a base territorial das granxas, compromete o cumprimento dos requisitos para a produción de alimentos, resta recursos hídricos ás explotacións e afecta o sector forestal, as industrias da zona e incluso os comercios e hostalaría", censuran.

Pero tamén se vería afectada, salientan, "a poboación xeral", cun cambio climático "que cada vez arrea con máis forza". Ademais, engaden, supón un consumo enerxético "que só se poderá paliar aumentando os parques eólicos" presentes na zona para poder abastecer a factoría.

Segundo o PSOE de Chantada, "a empresa prometera nun primeiro momento 2.500 empregos, e agora xa din só 500. Ademais, agora sabemos que se trata dunha celulosa pura e dura, co que iso supón", alertan.

Polo mesmo motivo, as e os socialistas de Chantada cren que se debe exixir que os fondos europeos que se ían destinar a Altri recaian finalmente en proxectos industriais para a comarca "que sexan máis respectuosos co medio ambiente e que creen empregos de calidade". "A solución para o desemprego e a falta de oportunidades na zona non debe ter como prezo o noso medio natural", conclúen.

Comentarios