O Estado destinará case 55 millóns a rebaixar as peaxes da AP-9

Os Orzamentos Xerais do Estado de 2021 contemplan partidas de até case 55 millóns de euros para rebaixar as peaxes da Autoestrada do Atlántico, a AP-9, e dar cumprimento aos acordos de investidura alcanzados polo PSOE co BNG.
En 2021, 70% do total de accidentes mortais tivo como protagonistas vehículos de máis de dez anos (Foto: Punto GA / M. Riopa)
photo_camera Autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela (Foto: Punto GA / M. Riopa)

O proxecto de Orzamentos Xerais do Estado de 2021 contemplan partidas de até case 55 millóns de euros para rebaixar as peaxes da autoestrada do Atlántico, a AP-9, e dar cumprimento aos acordos de investidura alcanzado polo BNG co PSOE. O documento presentado esta cuarta feira, 28 de outubro, polo Goberno español inclúe 50 millóns para bonificacións das peaxes entre Ferrol e a fronteira portuguesa.

A esta partida súmanse 1,5 millóns para liberalizar o tramo Vigo-Redondela, e outros 3,4 para a supresión da suba acumulativa anual das peaxes de 1%. Ademais destas cantidades, o documento contempla outros 8.236.960 euros para manter a supresión das peaxes Morrazo-Vigo e A Coruña-A Barcala que xa existía.

"A negociación do BNG no acordo de investidura comeza a dar resultados", puxo o Bloque en Twitter avisando que seguirá sendo exixente para "garantir o pleno cumprimento dos acordos".

En canto ao investimento do Estado na Galiza en 2021, este   será de será de 832,24 millóns de euros, aumentando ao redor de 10% respecto aos 757,1 millóns que figuraba no proxecto de orzamentos de 2019, pactado entre o PSOE e Podemos e que non saíu adiante na Cámara Baixa. Con todo, se o proxecto de orzamentos non muda durante a fase de emendas no Congreso, Galiza recibirá 11,1% menos que os 936,79 millóns dos últimos orzamentos aprobados (2018).

En rolda de prensa, a ministra de Facenda sinalou que nos últimos anos o investimento na Galiza "foi moi superior en relación ao peso poboacional" pola obras do AVE.

 Desde a Xunta lamentouse que o proxecto de orzamentos "rebaixe o investimento en 11%", mentres que Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, cualificou as contas das "máis sociais da historia" e salientou a rebaixa da AP-9. 

O deputado no Congreso Antón Gómez-Reino, portavoz de Galicia en Común,  celebrou uns orzamentos que "desterran  definitivamente as décadas de austericidio do PP".

Comentarios