PSdeG demanda a Feixoo que "compareza no Parlamento" cada 15 días

Gonzalo Caballero nunha xuntanza virtual (PSdeG).
photo_camera Gonzalo Caballero nunha xuntanza virtual (PSdeG).

O líder do Partido Socialista de Galiza, Gonzalo Caballero, instou o presidente da Xunta a "comparecer de forma regular no Parlamento" cada 15 días e a "clarificar" a situación das residencias de maiores.

Así llo trasladou Caballero este domingo ao presidente galego, nunha reunión que mantiveron todos os partidos da oposición e o titular da Xunta despois que se celebrase un encontro por videoconferencia entre Pedro Sánchez e os presidentes das comunidades autónomas.

Pola súa banda, o PSdeG explicou que, ademais de manter reunións coa oposición para trasladar información, Feixoo debería comparecer no Pazo do Hórreo para "explicar ao conxunto do país as medidas que se toman" e para que a cidadanía tamén "poida escoitar as medidas propostas" por outras forzas políticas.

Ademais, Caballero situou como unha "prioridade fundamental" que o presidente galego "clarifique" a situación "crítica" que se vive nas residencias de maiores, onde "hai centos de persoas" afectadas por coronavirus, o que constitúe a "máxima preocupación" da Galiza.

Ao seu xuízo, o titular da Administración autonómica debe aclarar a "nebulosa informativa" que se foi formando, "cal é o inventario de material dispoñible" de protección e "como se foi gastando".

Por outra banda, o líder do PSdeG solicitou información sobre as "camas de UCI dispoñíbeis, as ocupadas e sobre a previsión" que baralla a Xunta sobre os próximos días.

Comentarios