O PSdeG acusa a Xunta de negarse a executar os fondos de vivenda estatais

O Goberno español asignou á Galiza 82 millóns para executar até o ano 2025
O deputado do PSdeG no Parlamento galego, Eduardo Oxea. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do PSdeG no Parlamento galego, Eduardo Oxea. (Foto: Nós Diario)

O deputado do PSdeG na Cámara galega Eduardo Oxea lamentou esta sexta feira, na Comisión parlamentaria de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, o voto en contra do Partido Popular á proposta dos socialistas para pedirlle á Xunta da Galiza a posta en marcha dos programas recollidos no Plan Estatal de Vivenda cos fondos asignados á Galiza.

Oxea lembrou esta sexta feira que a Galiza dispón dun total de 82 millóns de euros para executar durante a vixencia deste plan, entre 2022 e 2025, dos cales 14,3 son só para este ano.

O deputado socialista sinalou que os programas incluídos no plan "non forman parte da oferta do Instituto Galego de Vivenda e Solo para ampliar as axudas aos galegos e ás galegas". Explicou, ademais, que o plan está deseñado para facilitar o acceso á vivenda mediante axudas ao aluguer para os cidadáns e as cidadás máis vulnerábeis, aumentar o parque público de vivenda, así como da vivenda en alugueiro máis asequíbel ou de carácter social, sinaladamente nas contornas rurais. 

Oxea criticou o "desleixo" do Goberno galego en materia de vivenda pública malia a suba dos prezos dos alugueres, que só durante 2023 aumentaron 6% no conxunto do país, e 11,6% no último ano e medio, segundo o deputado. "Esta falta de vivenda dispoñíbel para aluguer ten lugar tanto nas zonas urbanas como nas rurais logo de anos de desleixo por parte do Goberno galego", afirmou Oxea.

Vivenda protexida

O socialista lembrou, ademais, que até o ano 2009 a Galiza tiña construídas 3.000 vivendas protexidas cada ano, unha cifra que ficou a cero logo da chegada de Feixoo e Rueda á Xunta, con varios anos nos que se construíron menos de 10 vivendas, e até seis anos completos sen que fora promovida unha soa vivenda protexida

Comentarios