A vivenda perde peso nos orzamentos da Xunta: cae 24% respecto a 2009

Os fondos europeos representan xa 48% das contas do IGVS.
vivenda parlamento galego igvs
photo_camera Un momento da comparecencia onte de Heriberto García (na mesa, primeiro pola dereita). (Foto: Parlamento da Galiza)

O orzamento que a Xunta da Galiza vai destinar en 2024 a vivenda sobre 26,5%. Un aumento que nestas semanas destacaron o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda; e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; ao falar das contas da Xunta para 2024; e que esta segunda feira salientou Heriberto García, director do Instituto Galego da Vivienda e Solo (IGVS). Malia esa suba, en 2024 destinarase a vivenda 24% menos que en 2009.

O proxecto de orzamentos do IGVS para 2024 elévase a 177,8 millóns de euros, case 27% máis que os orzamentos en vigor, de 2023. Heriberto García compareceu esta segunda feira na Comisión de Economía para debullar as contas do organismo que dirixe. Salientou a aposta do IGVS por políticas que favorezan o acceso á vivenda e a rehabilitación, así como pola vivenda pública e protexida. Van ser en 2024 ao redor de 160 millóns os que se destinen a eses obxectivos.

Isto supón 50 millóns menos dos que se destinaban en 2009, 201 millóns, último ano de Goberno galego de coalición entre nacionalistas e socialistas. "Un 24% menos", reprochou a deputada do BNG Alexandra Fernández ao director do IGVS. aplicar o incremento do IPC nestes anos, esa fenda sería maior. Eduardo Oxea (PSdeG)  apuntou á vivenda como "un problema que se agudizou" nestes 14 anos de Executivos do PP sen que estes desenvolvesen políticas adecuadas para resolvelo.

11.000 vivendas 

Fernández cifrou en 1.687 os millóns de euros que "se perderon nestes 14 anos de aplicar en vivenda polos recortes" do PP ao non manter até o de agora o investimento de 210 millóns de 2009. Unha cifra que permitiría, afirmou, construír 11.000 vivendas públicas.

O director do Igape criticou as contas botadas pola nacionalista, afirmando que aqueles 210 millóns de 2009 ·viñan do endebedamento". García indicou que en 2024 van aumentar os fonso de acceso a vivenda (+32%) ou de fomento da rehabilitación (+22%), entre outras partidas. Anunciou que en 2024 ían destinarase 32 millóns de euros a vivenda de promoción pública nas sete cidades galegas e reiterou o aumento das contas do IGVS para o vindiero ano.

A oposición centrou as súas críticas a que o aumento nas contas para 2024 a respecto dos anos inmediatamente anteriores é principalmente produto dunha maior achega de fondos procedentes de Europa —os denominados 'Mecanismo de Recuperación e Resiliencia'— e non do esforzo da propia Xunta. "Son as achegas de Europa e do Estado os que lle permiten aumentar estas contas", indicou Eduardo Oxea, ao tempo que Alexandra Fernández lembraba que de 2021 a 2024 os fondos europeos pasaron de 25 a 85 millóns mentres os fondos propios da Xunta pasaron de 58 a 53. O peso nas contas do IGVS do mecanismo de resiliencia pasou de ser 21% en 2021 a 48% en 2024, mentres que os fondos propios da Xunta no mesmo período pasaron de 43 a 30%. 

A oposición tamén denunciou a escasa execución orzamentaria en diferentes partidas, como a do bono aluguer; ou o recorte en partidas como Rexurbe —recuperación de cascos históricos— que terán 5 millóns en 2024 fronte aos 8 de 2023 e os 10 millóns de 2022.

Comentarios