martes 22/09/20

Protesta de alcaldes ante a Deputación de Ourense para pedir un “reparto obxectivo” dos fondos

Rexedores de PSOE, BNG, mareas municipais e outras formacións agás o PP critican un reparto de fondos da entidade provincial.

Imaxe: BNG Ourense
Imaxe: BNG Ourense

Alcaldes e concelleiros dunha vintena de concellos ourensáns protagonizaron unha concentración perante a Deputación de Ourense para pedir un “reparto obxectivo” de fondos por parte da administración que preside José Manuel Baltar (PP). Os rexedores de municipios como Allariz, O Barco, Verín, Ribadavia ou Barbadás, entre outros, estiveron presentes no acto para mostrar o seu desacordo cos actuais criterios que se empregan na entidade provincial.

Estes alcaldes, do BNG, PSOE, mareas, CxG e independentes, indican que a Deputación de Ourense destina a fondos de cooperación 6% do seu orzamento, unha porcentaxe moi inferior ao das institucións provincias da Coruña, que reparte 41%, Lugo, 25%, ou Pontevedra, con 30% por cento. “Están discriminando os cidadáns por razón de a que partido pertence a persoa que decidiron libremente que fose o seu alcalde ou alcaldesa”, indican. 

Os grupos da oposición na Deputación rexistraron unha solicitude para que a cuestión do reparto equitativo sexa central na axenda política da provincia, vital para a supervivencia municipal. Piden un pleno extraordinario sobre esta cuestión.
 

Protesta de alcaldes ante a Deputación de Ourense para pedir un “reparto obxectivo” dos...
comentarios