Prospera a moción de censura en Sada nunha tensa sesión con berros de "golpistas" e "traidores" aos promotores

O xa ex alcalde, Benito Portela, defende que a decisión "vai en contra da vontade expresada en 2019" nas urnas e fala de "golpe antidemocrático". A nova rexedora, María Nogareda, optou por non intervir no pleno ante os berros que se escoitaban contra ela.
O ex alcalde de Sada, Benito Portela, e un veciño do concello. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex alcalde de Sada, Benito Portela, e un veciño do concello. (Foto: Europa Press)

María Nogareda, ex concelleira de Educación e que concorreu ás eleccións municipais por Alternativa dos Veciños, xa é a nova alcaldesa de Sada, logo de prosperar a moción de censura contra o até o de agora alcalde, Benito Portela, de Sadamaioría, grazas aos votos dos dous edís elixidos nas últimas eleccións municipais por Alternativa —que conformaron o goberno tripartito xunto a Sadamaioría, con seis edís, e BNG, con dous—, e que xa foron expulsados; os cinco do PP —con expediente disciplinario— e os dous do PSOE, tamén expulsados de forma provisional.

Antes do inicio do pleno, coa presenza duns 300 asistentes na Casa da Cultura, despregáronse pancartas co lema como 'Fóra tránsfugas', 'Non á moción' ou 'Sada non paga a traidores', e escoitáronse berros de "corruptos" ou cánticos como "onde están os covardes?". Xa á chegada dos edís que apoiaron a moción escoitáronse de novo reproches, entre eles "desvergonzados!", nunha Casa da Cultura cun dispositivo policial tanto no interior como no exterior do mesmo.

Pola contra, Benito Portela foi recibido con aplausos e coreando a palabra "alcalde". Algunhas persoas recrimináronlle, namentres, actuacións pendentes, fronte aos berros doutros de "Nunca máis", lema que exhibiu na súa camiseta Xosé Fernando Fariña, de Sadamaioría, quen na súa intervención cualificou de "Frankestein" o novo Goberno local e de "golpistas" os edís que promoveron a moción, reproche que tamén fixeron os asistentes a María Nogareda como nova alcaldesa, á que tacharon de "corrupta".

"Desleais con Sada"

O ex alcalde, visibelmente emocionado e que lembrou que tamén en xaneiro de 2004 se realizou unha moción de censura contra Abel López Soto, do BNG, expuxo que se trata dunha decisión "en contra da vontade expresada en 2019" e cualificou de "golpe antidemocrático" a moción polo feito, sobre todo, de que a promova quen estivo no Goberno local. "Son desleais coa cidadanía de Sada", dixo, considerando que vai "en contra" dos partidos cos que os edís concorreron ás urnas.

Tamén alertou das consecuencias dun goberno con edís "non adscritos", sen descartar a adopción das medidas legais "que procedan". Ademais, rexeitou a existencia de "motivos reais" para a moción, acusando a quen a promova de "pór paus nas rodas" na xestión de goberno, da que reivindicou medidas como as vinculadas á recuperación do pazo de Meirás.

Na súa intervención, confirmou tamén que farán unha oposición "exixente, pero construtiva" e avanzou a súa intención de concorrer ás primarias de Sadamaioría como candidato para as próximas eleccións municipais tras ver na moción un intento de eliminalo "politicamente".

Berros de "vendida!" a Nogareda

María Nogareda decidiu non intervir, no pleno, ante os berros que se escoitaban cara á súa persoa de "vendida". Pola súa parte, non se chegou a escoitar á portavoz do grupo municipal do PP Soraya Salorio nin a María Pardo —que concorreu polo PSOE—, ante os reproches por parte do público.

Desde o BNG, Laura Rodríguez, mostrouse confiada en que as próximas eleccións se penalice a "deslealdade" dunha "alianza baixo corda de tránsfugas e de partidos tan diferentes". "Déronse argumentos débiles e xenéricos", manifestou, logo de que os promotores da moción a xustificasen por "incumprimento" de acordos.

Ao debate da moción, asistiron representantes da Marea Atlántica, como o seu candidato á Alcaldía na Coruña, Xan Xove; o exalcalde de Ferrol, Jorge Suárez; o ex alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o ex vicepresidente da Xunta e ex portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, ou o alcalde de Oleiros e fundador de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, quem tamén exhibiu un cartel en contra da moción e apupou os promotores da mesma.

Comentarios